Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Xaxanbike vibrou coa explosividade do Campionato de Galicia Eliminator

20 DE JUNIO DE 2022

Jorge Punzón revalidou o título absoluto masculino e Irene Trabazo obtivo a camisola autonómica feminina

A-Xaxanbike-vibrou-coa-explosividade-do-Campionato-de-Galicia-Eliminator

Fotos da Galería: Luz Iglesias

Un percorrido de pouco máis de 700 metros que son pura adrenalina exerceu por segundo ano consecutivo de escenario do Campionato de Galicia de Cross Country Eliminator (XCE). A Xaxanbike 2022 despediuse este domingo de xeito explosivo cunha especialidade á que lle ten tomada a medida Jorge Punzón. O porriñés do Cosmos revalidou en Marín o título absoluto masculino e recibiu a coroa autonómica xunto á anfitrioa Irene Trabazo. 

A terceira edición deste Campionato, que se estreou no 2017, contou coa chuvia como factor engadido nun circuíto xa de por si catalogado como de dificultade alta. O evento organizado polo club XSM seguiu o formato habitual das probas de Eliminator. Comezou unha contra o reloxo individual que serviu para organizar os cadros antes da disputa das eliminatorias, carreiras con catro participantes nas que se poñen en xogo dous billetes para a seguinte rolda. 

Alberto Pedreira (Bici Verde) marcou un tempo na crono de 1'56", mellor rexistro igualado a segundos co de Punzón. Deste xeito, os dous elites porriñeses non se cruzarían ata a gran final no caso de ir superando quendas. A rolda de cuartos tivo como nova máis negativa a caída de Álvaro Rey, un percance que se saldou cunha fractura de clavícula do corredor elite do Cambre Caeiro. 

Pedreira e Punzón alcanzaron a final cada un por un lado diferente do cadro e xunto a eles compartiron grella de saída na carreira polas medallas dous representantes do Coruxo: o sub23 Anxo Carril e o júnior Danny Buba. Este duelo a catro quedou marcado polo acontecido na primeira curva. Os dous elites chegaron igualados e o do Bici Verde foise ao chan.

Tras o accidentado inicio, o defensor do título tivo vía libre para repetir éxito en Marín. Punzón, medallista nesta especialidade a nivel estatal, adxudicouse a vitoria por diante de Carril e co terceiro posto do podio fíxose Buba. 

A camisola deste Campionato de Galicia que si cambiou de mans foi a absoluta feminina. A marinense Irene Trabazo, única elite, compartiu final co tándem cadete do Rosal formado por Arantxa Gómez, que se impuxo dentro da súa categoría, e Irene Rodríguez, e coas infantís Lara Pita, primeira no seu grupo de idade, e Xiana Coira, ambas do Cambre 

Cadetes e Infantís

As competicións Cadete e Infantil masculinas celebráronse ao marxe do Campionato. Na primeira venceu Mauro Vega (Coruxo), con Martín Díaz (Caimanes) na segunda praza, Antonio Casal (Cambre) na terceira e Raúl Puelles (Caimanes) clasificándose cuarto. En canto aos infantís, o máis rápido foi Xian Alvariño (Ponteareas) batendo a Lucas Lozano (Farto), mentres que terceiro rematou Diego Valladar (Coruxo) e cuarto, Carlos López (Ribadumia).

Antonio Traba, concelleiro de Deportes de Marín, asistiu á cerimonia de podio na que se entregaron os premios e as camisolas autonómicas. O seguinte Campionato de Galicia de Cross Country chegará o vindeiro domingo en Maceda e será o da especialidade olímpica (XCO).

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

A Xaxanbike vibrou coa explosividade do Campionato de Galicia Eliminator
A Xaxanbike vibrou coa explosividade do Campionato de Galicia Eliminator
A Xaxanbike vibrou coa explosividade do Campionato de Galicia Eliminator
A Xaxanbike vibrou coa explosividade do Campionato de Galicia Eliminator
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es