05 DE FEBRERO DE 2024
Fotos: Luz Iglesias
Dende que no 2022 xurdiu a Copa Galicia BTT 3h Resistencia o pelotón biker comeza o mes de febreiro en Camariñas. Nas dúas anteriores edicións desta proba, Eva Ortega impuxera as súas cualidades de fondista e, como non hai dúa sen tres, a elite do Extol-Zambora.es fixo este domingo a súa estrea desta temporada no certame autonómico para prolongar o seu idilio coa Costa na Morte. Tampouco saltou a sorpresa no apartado masculino, co máster-30 Manuel Ángel Parada (Xesteiras) repetindo como o máis forte unha semana despois de ter marcado a pauta en Muros.
A cuarta e penúltima xornada da primeira Copa Galicia do 2024 correu a cargo da P.C. Baikers do Vilán. Nun día solleiro, 245 participantes afrontaron o desafío dos 180 minutos no percorrido por Xaviña, un circuíto que permite rodar con forza. Ata doce corredores completaron dez voltas ao trazado camariñán.
Nun escenario no que aínda non se anotara o triunfo absoluto, Manuel Parada venceu cun rexistro de 2 horas 43 minutos e 33 segundos. O biker de Aguiño encabezou o duelo ofrecido entre dous equipos, o Xesteiras e o Extol-Zambora.es. Cada un meteu a tres representantes entre os seis primeiros. Por parte do conxunto de Cuntis, o máster-30 Daniel García fixo segundo -a 2'24 de Parada- e Iván Pereira, cuarto. O líder elite rematou a 45" do gañador da súa categoría, Ignacio Casal, o mellor da formación do Deza que situou ao máster-40 Alejandro Paleo na quinta praza e ao elite Diego Marnotes na sexta.
A sétima posición correspondeu ao líder júnior Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) e ao máis alto do podio tamén subiron como vencedores dos seus grupos de idade o sub-23 Danny Buba (Coruxo), o máster-50 Manuel Rodríguez (Atlético Aguzo) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).
Entre as mulleres a primeira volta liderouna en solitario a elite Adriana Escudeiro (Ribadumia Bikescola), pero a única que pasou oito veces pola liña de meta foi Eva Ortega. A raíña de Camariñas debutou nesta edición da Copa Galicia BTT 3h Resistencia superando á líder elite Desiree Fernández (RSBike), dominadora absoluta nas tres anteriores xornadas. O top-3 feminino pechouno a máster-40 Natalia Raña (Norinver).
Outras cinco corredoras asinaron sete voltas. Andrea Escudeiro acadou o cuarto posto, a máster-40 Marta Fernández (Poio Bike) o quinto e a líder júnior Nerea Suárez terminou sexta, por diante das elite Laura Abal (Ribadumia Bikescola) e Juana Vidal (Moto Bike), sétima e oitava respectivamente. Tamara Santos (THC Bike) adxudicouse o grupo de idade máster-30.
As parellas que lideran as clasificacións xerais protagonizaron un pleno de vitorias. A emoción resultou máxima na carreira masculina. Fabián Rodríguez e Samuel Varela (Cambre) bateron nos últimos metros da décima volta a Jorge Pérez e Uxío Canosa (Os Esfola Arrós). Juan Rey e Diego Novo (As Pontes) leváronse a terceira praza. Nos dúos mixtos mantéñense invictos Iria Nieto e Ángel Vilanova (Oiense - Compostelano), que percorreron nove veces o circuíto, un xiro máis que Raquel Román e Raúl Cancelas (Bici Verde) -segundos- e que Mar Delgado e Javier Souto (Monteneme - Monte Xalo) -terceiros-. O triunfo feminino lográrono Uxía Conde e Sara Peón (Poio Bike - XSM).
Sen repartir puntos para a Copa celebrouse a carreira por remudas cadete, que se disputa a dúas horas. Breixo Cochón e Breogán Fraga (Poio Bike) dobregaron por 11" a Pedro Liaño e Alejandro González (Cambre) na categoría masculina. En canto aos dúos mixtos, Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo) marcaron o mellor rexistro.
A nómina de líderes deste certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) rexistra dúas novidades. Danny Buba asaltou a primeira posición nos sub-23 e Marta Fernández a máster-40. O resto de camisolasa conmemorativas do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 seguen pertencendo a Nerea Suárez e Adrián Caamaño en Júnior, a Sofía Ferreiro en Sub-23, a Desiree Fernández e Iván Pereira en Elite, a Mónica Álvarez e Manuel Parada en Máster-30, a Alejandro Paleo en Máster-40, a Juan Iglesias (Ferrol) en Máster-50, a Manuel Bugallo en Máster-60, a Uxía Conde e Sara Peón nas parellas femininas, a Iria Nieto e Ángel Vilanova nas mixtas e a Samuel Varela e Fabián Rodríguez nas masculinas.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, encargouse de entregar os premios xunto a Fabián Canosa, concelleiro de Deportes; Encarna Liñeiro, concelleira de Turismo; Juan Ramón Martínez, presidente do Baikers do Vilán; e Óscar Sánchez, directivo da FCG.
A terceira edición da Copa Galicia BTT 3h Resistencia resolverase este domingo na estrea da 3H Resistencia Vilagarcía. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaR24
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es