24 DE OCTUBRE DE 2024
Foto: RFEC
A Comisión Gestora da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) aprobou na súa última xuntanza o calendario de probas para a temporada 2025 da Copa de España de BTT XCO Cofidis, de Descenso, de Enduro, de Maratón e de Gravel. Seis citas puntuables para estes certames disputaranse en Galicia, aumentando en dous respecto á campaña 2024 o número de eventos que se celebrarán na nosa comunidade. A metade deles dan o salto dende o ámbito autonómico.
A competición con maior presenza no noso territorio será a Copa de España de Descenso. Das súas cinco xornadas, tres terán como escenario Galicia. O 6 de abril estrearase no certame estatal máis vertixinoso o DH Molinos O Páramo, organizado polo club DH Galicia. A provincia de Lugo acollerá a segunda proba puntuable e a terceira chegará tres semanas despois na de Ourense, co III DHI Pozo do Demo en Cabreiroá (Verín). O evento do club Bicicleta Chinquena Racing Team forma parte por segundo ano consecutivo do circuíto que coordina a RFEC. As gañadoras e os gañadores finais das clasifiacións xerais serán coroados por terceira temporada consecutiva na estación de montaña ourensá, esta vez da man do club Bici Verde, no DHI Manzaneda Estación 2025.
Outro ano máis, e xa serán catro seguidos, en Galicia desfrutarase de de dúas citas da Copa de España de Enduro. A diferenza das temporadas anteriores, unha delas non será o Endurrazo. A proba moañesa sae deste certame e no seu lugar entra o evento do club Cerezo Bikes. O V Enduro Monte Castelo Burela exercerá de terceira xornada puntuable o 13 de abril na Mariña Lucense. O colofón a este certame, que consta de cinco probas, volverá poñelo nas localidades coruñesas de Ares e Mugardos a Montefaro Enduro Race do club Pulpeiros Mugardos, fixada nesta ocasión para o 25 de maio.
Despois dunha campaña de paréntese, regresa a terras galegas a Copa de España de BTT Maratón. A XI Ruta do Lacón, que neste 2024 repartiu as camisolas do Campionato de Galicia, intégrase no calendario estatal. O Club de Montaña Xesteiras festexará o 17 de maio, o Día das Letras Galegas, actuando como entidade anfitrioa no municipio pontevedrés de Cuntis. Será o segundo dos cinco desafíos que propón a competición que reúne aos mellores fondistas do panorama estatal.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BMX
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es