Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Raúl Casalderrey métese entre os dez primeiros sub23 do Campionato de España de Contra o Reloxo

24 DE JUNIO DE 2022

O representante da Selección de Galicia na CRI conseguiu a novena posición. Carlos Canal (Euskaltel-Euskadi), décimo na proba Elite UCI.

Raul-Casalderrey-metese-entre-os-dez-primeiros-sub23-do-Campionato-de-Espana-de-Contra-o-Reloxo

Foto: RFEC

O Campionato de España de Estrada 2022 arrancou este venres en Mallorca cun dobre top-10 para o ciclismo galego nas Contra o Reloxo Individuais (CRI). Raúl Casalderrey, único representante da Selección de Galicia na categoría sub23, acadou a novena praza e Carlos Canal (Euskaltel-Euskadi) obtivo a décima na competición Elite UCI. Os dous volverán competir durante a fin de semana nas probas de fondo. 

A localidade de Cala Millor acolleu as 'cronos', cun percorrido de 21,5 quilómetros para os sub23 e de 38,5 km para os elites UCI e elites. Tras asinar o ano pasado a 15ª posición no estatal desta disciplina, Casalderrey deu un salto para meterse entre os dez primeiros dunha categoría que dominou o aragonés Pablo Castrillo. Baixo a dirección do seleccionador galego Jacobo Ucha, o poiense do Supermercados Froiz marcou o décimo mellor rexistro no punto intermedio (km 10,5) e subiu un posto na segunda parte da proba. A liña de meta cruzouna cando o reloxo marcaba 28 minutos e 29 segundos, quedando a 26" do podio e a 1'05" do gañador.  

A distancia aumentaba para a competición raíña masculina. Tanto no punto intermedio (km 19,3) como ao final, Canal ocupou a décima praza. O limiao do Euskaltel-Euskadi completou o percorrido en 47'53", invertendo 1'07 máis que o seu compañeiro de equipo Xabier Mikel Azparren, terceiro clasificado. Coa vitoria fíxose Raúl García Pierna (Kern Pharma) grazas a un tempo de 46'23". 

Os elites compartiron quenda cos profesionais e un equipo galego, o Vigo-Rías Baixas, logrou a medalla de prata por medio do abulense Noel Martín, mentres que o único corredor da nosa comunidade que tomou a saída, Iván Vidal (Tenerife Bike Point), concluíu sétimo. 

Carreira sub23

A gran cita estatal do ciclismo de estrada trasládase á capital da illa para a celebración das carreiras en liña. Ás 16:00 horas deste sábado porase en marcha en Palma de Mallorca a categoría sub23 para afrontar un trazado de 164 quilómetros e 2.142 metros de desnivel positivo acumulado. O 'oito' da Selección de Breogán estará composto por Casalderrey, Iván Dias, Andrés Taboada, Miguel Rodríguez, Martín Rey, Manuel Rodríguez, Sergio Lorenzo e Ángel Maneiro. A proba de fondo elite UCI - elite disputarase o domingo pola mañá. 

Máis información e clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

Raúl Casalderrey métese entre os dez primeiros sub23 do Campionato de España de Contra o Reloxo
Raúl Casalderrey métese entre os dez primeiros sub23 do Campionato de España de Contra o Reloxo
Raúl Casalderrey métese entre os dez primeiros sub23 do Campionato de España de Contra o Reloxo
Raúl Casalderrey métese entre os dez primeiros sub23 do Campionato de España de Contra o Reloxo
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es