Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir

25 DE JULIO DE 2023

Alejandra Neira, Diego López e Lara Fuentes gañaron vestidos de líderes na última xornada puntuable para as categorías cadetes e a júnior feminina

O-Cambre-certifica-en-Oia-o-seu-trio-de-titulos-na-Copa-Galicia-do-Porvir

Fotos: Santiago Baz Lomba

O Gran Premio Ciclismo - Concello de Oia estreouse no calendario o pasado sábado e fíxoo como cuarta e última xornada da Copa Galicia do Porvir para tres categorías. As cadetes, os cadetes e as juniors pecharon o seu certame autonómico de Estrada nunha cita na que o chanzo máis alto do podio estivo reservado para o Cambre-Renault Caeiro. O conxunto coruñés protagonizou un trío de triunfos con ciclistas que lucían as camisolas de líderes.

O percorrido de 45 quilómetros deseñado polo Ciclismo Oiense transitaba polas estradas dos concellos de Oia, A Guarda e O Rosal. Neste itinerario pola comarca do Baixo Miño ascendeuse o porto de montaña da Cruz da Portela, co seu cumio a 15 km da liña de meta. Gañador en Carballo e segundo clasificado en Boiro e en Cambados, o cadete Diego López tiña garantida matematicamente a xeral da Copa Galicia e ao seu título púxolle a guinda sendo o máis rápido na liña de meta de Mougás. O representante do Cambre-Renault Caeiro bateu por 5 segundos de diferenza a Unai Fernández (O Rosal) e a Aarón Lorenzo (Compostelano), segundo e terceiro respectivamente. 

No ranking final cadete, o vencedor en Oia sumou 540 puntos polos 250 de Aron González e os 245 de Diego Souto (Vigués). 

Un pleno de vitorias asinou Alejandra Neira na Copa Galicia do Porvir cadete feminina. A vixente subcampioa de España de contra o reloxo individual impúxose nesta ocasión con 1'13" de vantaxe sobre Irene Signo (Lynalfa-Ponteareas). A 3'08" da santiaguesa do Cambre-Renault Caeiro rematou a súa compañeira de equipo Ivet Ivanova, que grazas ao seu terceiro posto en Oia ascendeu á segunda praza da xeral, adiantando por 40 puntos a Nerea Suárez (Carballo), terceira clasificada no ranking igualada a 360 puntos con Irene Signo. 

A terceira categoría do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) que se resolveu neste evento foi a júnior feminina. A ausencia de Andrea Prado (Becani) aseguraba o títul a Lara Fuentes. Esa circunstancia non provocou a relaxación da ciclista do Cambre-Renault Caeiro e por 13" de marxe na meta decantou ao seu favor o duelo con Xiana Camiña (Becani), apuntándose deste xeito o seu terceiro triunfo parcial desta campaña. Vania Gregores (Lynalfa-Ponteareas) fixo terceira en Mougás. 

Lara Fuentes, vencedora no 2022 da xeral cadete, estivo escoltada no podio da Copa Galicia por dúas juniors do Becani: Xiana Camiña, segunda, e Lucía Ballester, terceira. 

Xunto ás cadetes e ás xuvenís competiron as elites e sub23. Carla Fernández (Quebici-Marcisport) dominou esta carreira por diante de Laura Mira (Farto-BTC) e a terceira praza obtívoa María Jesús Barros (Supermercados Froiz), sendo a primeira elite. En canto ás categorías de escolas, inscribiron o seu nome na listaxde de gañadoras e gañadores Vega Aldrey (Cambre-Renault Caeiro) e Gonçalo Correia (Landeiro) en infantís, Estela Yáñez (Tríatlon Coruña) e Mateo Hermida (Avanza-O Porriño) en alevíns, Alma García (Tríatlon Coruña) e Xoán Sande (Barbanza) en principiantes, e Iria Ruíz (Betanzos) e Iván Lázaro (O Rosal) en promesas. 

Os premios da primeira edición do Gran Premio Ciclismo - Concello de Oia encargáronse de entregalos Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Modesto Pereira, concelleiro de Deportes; Aser Estévez, presidente do Ciclismo Oiense; e Óscar Sánchez e Jacobo Ucha, directivo e técnico da FCG. 

A Copa Galicia do Porvir 2023 aínda non finalizou. Resta a última xornada júnior masculina, o Trofeo Júnior Carballo fixado para o 26 de agosto. Toda a información sobre este circuíto de probas podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23.

Clasificacións Oia

GALERÍA DE FOTOS

O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
O Cambre certifica en Oia o seu trío de títulos na Copa Galicia do Porvir
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es