Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández estrea final de clásica no Miradoiro da Fontenla

25 DE AGOSTO DE 2023

A carreira moañesa pecha este domingo o calendario da Copa Galicia Elite-Sub23 e repite como proba de nivel estatal

A-Domaio-Heroica-a��-Desafio-Delio-Fernandez-estrea-final-de-clasica-no-Miradoiro-da-Fontenla--

Mesma localidade, diferente escenario e idéntica aposta polo espectáculo. A Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández, proba de nivel estatal e que exerce de clausura da Copa Galicia Elite-Sub23, estreará final este domingo na súa segunda edición. Os 108 quilómetros da carreira moañesa concluirán na explosiva subida ao Miradoiro da Fontenla, un ‘muro’ de menos de 1.000 metros con ramplas que alcanzan o 16% de desnivel.

Máis dun centenar de corredores pugnarán desde as 10:00 horas por suceder no palmarés da cita organizada pola A.D. Punta Fondón ao uruguaio Eric Fagúndez, gañador en 2022 e que desde este sábado compite na Vuelta a España co Burgos-BH. O corredor charrúa impúxose o ano pasado en Chan d’Arquiña, outra ascensión cunhas vistas fascinantes á Ría de Vigo.

“É un final parecido ao das Clásicas das Ardenas que se disputan durante a primavera en Bélxica e nos Países Baixos”, sinala Delio Fernández como padriño do evento. O corredor profesional moañés, recente vencedor dunha etapa na Volta a Portugal, asistiu este venres á presentación que tivo lugar no Miradoiro da Fontenla. Neste acto estivo acompañado por Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; os concelleiros María Sanluís e Kevin González; o presidente da Comunidade de Montes de Domaio, Rubén García; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente da A.D. Punta Fondón, Enrique Vaz; e o ciclista sub23 Iván Belmonte, en representación do equipo anfitrión High Level – Gsport – Grupo Innova Tormo.

A análise de Delio

O percorrido, que arrincará desde o Miradoiro da Fontenla, consiste en tres voltas a un circuíto de 35 quilómetros e na última ascéndese ao ‘muro’ onde estará situada a liña de meta. Cada bucle inclúe a subida ao porto da Fraga, unha ascensión de 9 km ata Cruz da Maceira e catalogada como de 2ª categoría, e no inicio da segunda e da terceira volta poñeranse en xogo Metas Volantes ao paso por Domaio. “É bastante duro, pero dá lugar a tácticas de equipo”, afirma Delio Fernández sobre o trazado da carreira.

O corredor do Tavira portugués engade que “se á subida final non chega un fuxido con suficiente vantaxe, aquí vaise a presenciar un desenlace moi rifado, cos ciclistas tendo que retorcerse bastante nas últimas ramplas”. A resolución da proba está prevista para as 13:00 horas.

imagen

Na lista de inscritos aparecen todos os conxuntos galegos da categoría, ademais do Maglia Tecnosylva Bembibre de León e do Porminho Team portugués. A Copa Galicia chega á súa cuarta e definitiva xornada con Sinuhé Fernández (Padronés Cortizo) como gañador matemático da xeral Elite mentres que o seu compañeiro de equipo Martín Rey debe certificar o título Sub23.

A Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández tamén repartirá puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo ao tratarse dunha carreira de clase 1.12.5. A conta de Twitter @GsportTeam informará en directo do desenvolvemento da competición.

Fonte: High Level – Gsport – Grupo Innova Tormo

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es