Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tomás Pombo adxudícase a Copa Galicia do Porvir e Sergio Calvo a Challenge Júnior en Carballo

30 DE AGOSTO DE 2023

O ourensán do Eolo Kometa impúxose na cronoescalada inaugural do venres e defendeu con éxito a camisola amarela durante a fin de semana

Tomas-Pombo-adxudicase-a-Copa-Galicia-do-Porvir-e-Sergio-Calvo-a-Challenge-Junior-en-Carballo

Fotos: Raúl López (Diario de Bergantiños)

Os dous vixentes campións de Galicia de Estrada na categoría xuvenil subiron ao máis alto do podio na quinta edición da Challenge Júnior Carballo. O rués Sergio Calvo (Eolo Kometa), campión autonómico de fondo, dominou a xeral dende a primeira á ultima xornada tras impoñerse na contra o reloxo inaugural. Pola súa banda, o carballés Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) conquistou o ranking da Copa Galicia do Porvir grazas ao segundo posto obtido na etapa puntuable para o certame autonómico. 

A rolda organizada polo Club Ciclista Carballo reuniu durante tres días a equipos de seis comunidades autónomas diferentes. O evento abriuse o pasado venres cunha cronoescalada de 3 quilómetros entre Razo e Monteneme, un aperitivo que acabou sendo determinante. Sergio Calvo marcou o mellor rexistro (7':28") avantaxando en 15 segundos a Emilio García (Maguisa Guijuelo) e en 20" a Mario Díaz (Las Mestas), unha renda que o ourensán soubo administrar durante a fin de semana.

Desenlace da Copa

Os 104 km do sábado, con saída e chegada en Carballo, tiñan triplo valor: exercían de segunda xornada da Challenge, repartían puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e resolvían a Copa Galicia do Porvir. O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) alcanzaba a súa terceira e última cita con Tomás Pombo como quinto clasificado, pero dependendo de si mesmo debido á ausencia dos catro primeiros. O representante do Padronés-Cortizo non desaproveitou a oportunidade. Fixo segundo na liña de meta e asaltou o primeiro posto da táboa. 

Un grupo de seis corredores xogouse o triunfo parcial nos metros finais. O cántabro Marcos Freire (Bathco) venceu por diante de Pombo e de Cosmo Derangi (Grupo Serman). Xunto a eles chegaron Emiilio García, Calvo e Johan Rubio (Bathco). O pelotón entrou medio minuto máis tarde. 

Deste xeito, a Copa Galicia do Porvir pechouse con Pombo como gañador con 238 puntos, a segunda praza correspondeu a Calvo con 130 e a terceira ao abulense García con 120. As outras tres categorías deste certame -júnior feminina, cadete masculina e cadete feminina- completaron os seus calendarios un mes antes en Oia. Toda a información sobre esta competición podes atopala na súa sección dentro desta páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaPorvir23

Freire repetiu

A despedida desta edición da Challenge Júnior Carballo ofreceu o domingo un percorrido de 93 km que arrancou en Carballo e terminou na Pedra do Sal. Gozando por segundo día consecutivo da condición de proba de clase estatal, o triunfo parcial volveu acadalo Marcos Freire. O fillo do tricampión do mundo bateu de novo ao esprint a Pombo e terceiro fixo o venezolano Arlex Méndez (Padronés-Cortizo). No mesmo tempo tamén rematou Hugo Paredes (Camargo) e pechando o quinteto de cabeza entrou 3" despois Calvo festexando o seu éxito na xeral. 

imagen

O ciclista da Rúa, que correu sen compañeiros de equipo, adxudicouse a camisola amarela con 20" de vantaxe respecto a Freire, mentres que García quedou terceiro igualado a tempo con Pombo, ambos a 34" do líder. Un broche de ouro ao paso de Sergio Calvo pola categoría júnior. 

Clasificacións Carballo

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es