Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Pobra de Trives vivirá a festa da etapa raíña da Volta a Galicia

08 DE SEPTIEMBRE DE 2023

A terceira xornada da rolda autonómica elite-sub23 percorrerá dez concellos da provincia de Ourense o sábado 16 de setembro

A-Pobra-de-Trives-vivira-a-festa-da-etapa-raina-da-Volta-a-Galicia

Coincidindo coas súas festas patronais do Cristo e da Dolorosa, a localidade ourensá de A Pobra de Trives acollerá o sábado 16 de setembro a saída e a chegada da terceira e penúltima xornada da Volta Ciclista a Galicia, a etapa considerada como a raíña da XXI edición da rolda autonómica para corredores elite-sub23. O percorrido de 131,3 quilómetros inclúe a subida a tres portos de montaña, un deles o Alto da Moá de 1ª categoría, e os ciclistas circularán por un total de dez concellos da zona oriental da provincia de Ourense.

A presentación desta tirada, chamada a ser decisiva no desenlace da proba organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG), tivo lugar este venres no Salón de Plenos da Casa do Concello da Pobra de Trives. Neste acto interviñeron Patricia Domínguez, alcaldesa da localidade anfitrioa; Fermín Santoveña, concelleiro de Deportes; Francisco Rodríguez, alcalde de Chandrexa de Queixa; Manuel Pérez, Xefe de Servizo na Provincia de Ourense da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; e Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG.

Todas as autoridades destacaron a importancia que ten para A Pobra de Trives e o resto de concellos polos que transitará a proba o feito de recibir un evento de alcance internacional e, deste xeito, amosar o seu potencial turístico. O pelotón da Volta a Galicia compóñeno dezaseis equipos, oito galegos e oito doutra comunidades autónomas, e entre os seus 112 ciclistas hai representantes de varios países. Todas as etapas retransmítense en directo a través de YouTube e poden seguirse dende calquera punto do mundo.

imagen

“Este é o lugar idóneo para ser o escenario da etapa raíña dunha competición con tanta historia como a Volta a Galicia”, sinalou a alcaldesa, que lembrou a vinculación de A Pobra de Trives co ciclismo ao ter vivido o paso de competicións profesionais como La Vuelta a España. Patricia Domínguez tamén apuntou que “serán días de grande intensidade e desfrute para todos e todas” ao chegar a este concello a rolda autonómica elite-sub23 en plenas festas locais.

Tres portos

Despois de que as dúas primeiras xornadas teñan como punto de partida e conclusión a localidade lucense de A Pobra do Brollón, o pelotón da Volta afrontará o sábado 16 un trazado moi esixente que foi deseñado baixo o asesoramento de Fermín Santoveña, o edil de Deportes de Trives. A saída darase ás 12:00 horas dende a rúa Eumenio Ancochea e no km 6,2 xa se coroará o primeiro porto do día, o Alto da Ermida (3ª categoría) no concello de Laroco. A seguinte dificultade montañosa será o espectacular Alto da Moá, de 8 km de lonxitude e un desnivel medio do 8,9%, e a etapa conclúe na subida de 3ª categoría A Pobra de Trives, onde a liña de meta estará situada no centro da vila. A tirada rematará ao redor das 15:15 horas.

Chandrexa de Queixa e A Rúa exercerán de Metas Volantes. O itinerario complétano os concellos de Manzaneda, Castro Caldelas, San Xoán de Río, Rivas do Sil, Quiroga e Petín. A Volta a Galicia terminará ao día seguinte na cidade de Pontevedra.  

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es