Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar

05 DE JULIO DE 2025

O corredor coruñés marcou o segundo mellor tempo na contra o reloxo cadete. Vega Aldrey, sexta na CRI feminina

Lucas-Blanco-abre-a-conta-de-medallas-de-Galicia-no-Campionato-de-Espana-Escolar

Fotos: RFEC

Sete anos despois a Selección de Galicia volveu pisar o podio cun cadete masculino no Campionato de España Escolar. Esa seca de medallas cortouna este venres Lucas Blanco na apertura da cita estatal que se disputa en Tarazona de la Mancha (Albacete). O corredor coruñés conquistou a prata na proba de contra o reloxo individual (CRI). 

No calorosísimo primeiro día de competición en terras manchegas, dezaoito ciclistas das categorías Infantil e Cadete defenderon as cores da Selección de Breogán nunha xornada dedicada ás 'cronos' e á xincana. Os mellores resultados do combinado dirixido por Jacobo Ucha chegaron nas CRI cadetes, sobre unha distancia de 6,2 quilómetros. Vega Aldrey obtivo a sexta posición entre as mozas, quedando a 10 segundos do bronce, e Lucas Blanco marcou o segundo mellor rexistro nos mozos.

O coruñés do Club Ciclista Cambre cruzou a liña de meta da Praza Maior cun tempo de 7 minutos e 25 segundos. Ese rexistro bateuno por 12" o gañador Aitor Mata (Navarra) e serviulle ao galego para proclamarse subcampión con 5" de marxe respecto ao terceiro clasificado Cristian Manuel de Oliveira (Castilla y León). Os últimos cadetes da nosa comunidade que pisaran o caixón nun Campionato de España Escolar foron Manuel Rodríguez e Miguel Mera, ambos na edición do 2018 celebrada no municipio ourensán de Baños de Molgas. 

imagen

As contra o reloxos por equpipos (CRE) cadetes contaron co mesmo trazado por Tarazona de la Mancha e Galicia obtivo un dobre décimo posto. O cuarteto feminino formárono Leire García, Antía Torres, Tania Rodríguez e Carla Ballester, mentres que o masculino estivo composto por Aarón Rodríguez, Marco Núñez, Héctor Rodríguez e Breixón Cochón. A quenda para as carreiras en liña desta categoría será este domingo. 

imagen

A sesión de tarde do venres tivo como protagonista ao pelotón infantil coa proba de xincana. A 27ª posición de Alba Ruíz, a 36ª de Anxa Gómez, a 37ª de Estela Yáñez e a 60ª de Zoe Rodríguez outorgaron ao equipo feminino a 12ª praza. Pola súa banda, co 23º posto de Mario Miguélez, o 44º de Hugo Pita, o 54º de Raúl Fernández e o 62º de Breixo Rodríguez, o conxunto masculino ocupou a 14ª posición. 

Clasificacións

 

GALERÍA DE FOTOS

Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
Lucas Blanco abre a conta de medallas de Galicia no Campionato de España Escolar
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es