Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O BTT galego será anfitrión no 2022 dun Campionato estatal e de tres citas das Copas de España

29 DE OCTUBRE DE 2021

A Lalín Bike Race exercerá de Campionato XCUM, mentres que o Ultramaratón Costa da Morte, o Endurrazo e a Montefaro Enduro Race forman parte dos calendarios das Copas

O-BTT-galego-sera-anfitrion-no-2022-dun-Campionato-estatal-e-de-tres-citas-das-Copas-de-Espana

A vindeira primavera o BTT español terá a Galicia como un dos seus puntos de referencia. A nosa comunidade acollerá entre o mes de abril e o de xuño un Campionato e tres citas das Copas estatais. Estes catro eventos forman parte dos calendarios aprobados pola Comisión Delegada da RFEC na súa última xuntanza. 

A Lalín Bike Race repite por segundo ano consecutivo como Campionato de España. Se neste 2021 puxéronse en xogo as camisolas 'rojigualdas' do XC Maratón, no 2022 a comarca do Deza será o escenario da loita polas coroas do XC Ultramaratón. O desafío organizado polo Extol MTB Team e o Montes do Deza celebrarase o 22 de maio. 

Case un mes despois, o 18 de xuño, os especialistas nas longas distancias terán outro reto na nosa comunidade. Da man do Club Ciclista Monteneme, o Ultramaratón Costa da Morte estréase no calendario dos certames españois, que dende o vindeiro ano abandonan a denominación de “Open” para establecerse como Copas. A proba de Carballo será a segunda das catro que compoñen o circuíto do XCUM. 

Como eventos de ámbito estatal continúan dous Enduros galegos. O Endurrazo pechou este ano o Open e a cita do THC Bike será o vindeiro 8 de maio a segunda xornada da Copa. Este certame non se moverá de Galicia despois de pasar por Moaña porque o 29 de maio vivirá o seu terceiro e penúltimo capítulo na Montefaro Enduro Race do Pulpeiros Mugardos, que o pasado mes de xuño exerceu de Campionato de España nos municipios de Mugardos e Ares. 

Calendario Campionatos de España

Calendario Copas de España 

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es