Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Seis títulos e oito podios en Castejón de Sos para despedir a Copa de España de Enduro máis galega

13 DE JUNIO DE 2022

Mauro González (Salvaterra) conservou o primeiro posto na xeral absoluta e encabezou a lista de éxitos dos riders autonómicos no certame estatal. A Selección de Galicia logrou unha vitoria e dous segundos postos na Puro Pirineo.

Seis-titulos-e-oito-podios-en-Castejon-de-Sos-para-despedir-a-Copa-de-Espana-de-Enduro-mais-galega

 A Copa de España 2022 ratificou ao Enduro galego como a gran referencia desta especialidade a nivel estatal. A armada da nosa comunidade exhibiu o seu potencial dende o inicio do certame e na última cita, celebrada esta fin de semana no Pirineo oscense, obtivo oito podios e certificou seis títulos. Un festival autonómico no que participou a Selección de Galicia, acudindo con once promesas á Puro Pirineo. 

Despois de que Galicia acollera as dúas anteriores xornadas, en Moaña e en Mugardos, a Copa de España baixou o pano en Castejón de Sos co seu cuarto e último evento da temporada. Unha das incógnitas a despexar na provincia de Huesca era a do gañador absoluto da xeral e dous galegos chegaban á fronte da táboa. O elite Mauro González (Salvaterra) defendía 17 puntos de marxe sobre o sub23 Nicolás Carrera (Team Justbikes).

O escenario da derradeira batalla atopábase en altura, dado que a localidade de Castejón está 900 metros por riba do nivel do mar e é o punto máis baixo do circuíto. Nun día caloroso, a carencia de osíxeno nas partes máis altas podía pasar factura nun percorrido de 30 quilómetros, con catro treitos cronometrados, e no que se acumulaban 1.400 metros de desnivel. 

O remonte inicial presentaba unha pendente considerable, pero facíase levadío ao rodar sobre asfalto. Ese inicio conducía ao primeiro treito cronometrado, un sector novo na Puro Pirineo e lento. Entre árbores, e con moitos pasos técnicos, non había marxe de erro. Quen mellor se adaptou a esas condicións foi o elite canario Edgar Carballo (Vadebicis), superando a Carrera. Pola súa banda, González marcou o quinto mellor tempo scratch e víase obrigado a reaccionar. 

Ao segundo tramo accedíase logo dun remonte moi duro e a pendente das ramplas incluso obrigou a baixarse da bicicleta á maioría dos participantes. Neste TC alcanzábanse velocidades máis altas que no anterior, cunha parte final de rochas esvaradías e na que había que soltar os freos. Un parcial que se facía moi longo e que pasaba factura nos brazos. Estas condicións non impediron que Carballo marcase o mellor rexistro, mentres que González lograba un cuarto posto, por detrás dos galegos Marco Veiga (CiclosQuintena) e Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), que lle permitía situarse por diante de Carrera, quinto neste tramo. 

O sub23 vigués aínda non dixera a última palabra. Tras un terceiro remonte na súa maioría por asfalto e onde os participantes xa ían máis tocados para subir con garantías, o TC3 caracterizouse polas curvas pechadas e as pedras soltas. Carrera fixo segundo, só batido por Carballo, e recortáballe pouco máis de 1"a González, chegando practicamente igualados ao último sector. 

González, na tormenta 

Un remonte e un treito moito máis curtos que os anteriores ían ditar sentenza na xeral absoluta da Copa, un desenlace que de súpeto se viu alterado por unha forte treboada de auga e sarabia. Baixo esas condicións competiron os riders do top-50 e os dous que máis se xogaban foron os que máis arriscaron. González selou o seu triunfo cun scratch por diante de Carrera. O mellor tempo parcial do rider do Salvaterra outorgoulle ademais o segundo posto na Puro Pirineo, a 21" do gañador Carballo.

A terceira posición da xornada ocupouna o elite naronés Veiga e outros dous galegos terminaron entre os cinco primeiros. Carrera, vencedor entre os sub23, fixo cuarto e Santos Lemos, primeiro máster-30, clasificouse quinto. No seu grupo de idade tamén triunfou José Manuel López Vaqueiro (X Bikes). 

Selección 

Á nómina de podios autonómicos houbo que engadir tres da Selección de Galicia. Nos juniors, André Martínez concluíu segundo, un resultado que non lle serviu para manter a camisola de líder. Pau Olm (Vic) anotouse o triunfo en Castejón por 5" de diferenza e o empate a puntos no máis alto da xeral deulle o título. Do mesmo xeito, Guillermo Loureiro, sexto; Yeray Barral, oitavo; e Marcos Estévez, noveno; metéronse no top-10 xuvenil coas cores do combinado da Federación Ciclismo Galego.

A Selección de Breogán subiu ao máis alto do caixón nos cadetes. Raúl Romero gañou con 7" de marxe sobre o madrileño Bruno Jiménez (Racing Team) e entre os dez primeiros acabaron catro riders máis de Galicia: quinta praza para Uxío Atrio, sétima para Iván Zurita, oitava para Hugo Rosendo e décima para Yerai Peláez

En canto á representación feminina do combinado autonómico, Arantxa González acadou o segundo posto nas cadetes, mesma posición que se apuntou na xeral da Copa. A outra rider que competiu na Puro Pirineo coa camisola de Galicia, a sub23 Alba Arias, chegaba co título da súa categoría garantido matematicamente. En Castejón sufriu unha caída no segundo treito cronometrado e, malia que o contratempo lle deixou danado un pulso, non se rendeu. Finalizou cuarta no seu grupo de idade e sétima scratch, manténdose terceira na táboa absoluta do certame estatal.

En total, o Enduro galego pechou a Copa conquistando seis dos catorce títulos en xogo: o absoluto e o elite de Mauro González, os sub23 de Nicolás Carrera e Alba Arias, o máster-30 de Santos Lemos e o máster-40 de José Manuel López Vaqueiro. O vindeiro reto será o Campionato de España, o 16 de outubro en La Adrada (Ávila).

Clasificación Puro Pirineo 

Sección da Copa de España

GALERÍA DE FOTOS

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es