Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei

09 DE JULIO DE 2023

A cita de Penas de Rodas repartiu catorce coroas autonómicas

Lara-Lois-e-Saul-Lopez-suman-novos-titulos-do-Campionato-de-Galicia-de-XCO-en-Outeiro-de-Rei

Fotos: Luz Iglesias

Na fin de semana previa ao Campionato de España de XCO, os títulos galegos da especialidade olímpica da bicicleta de montaña puxéronse en xogo este sábado na localidade lucense Outeiro de Rei. A cita celebrada na área recreativa de Penas de Rodas repartiu catorce coroas e coas das categorías elites fixéronse os dous grandes dominadores do calendario autonómico dende o 2018. A grovense Lara Lois (RG Bikes) sumou o seu quinto campionato e o monfortino Saúl López (Academia Postal-Maceda), o cuarto.

O Team Bike Outeiro de Rei repetiu como anfitrión un mes despois de organizar o autonómico de Trial Bici. Esta puxante entidade deseñou nesta ocasión unha intensa fin de semana que arrancou co Campionato de Galicia 2023 – XCO Penas de Rodas e que se completou o domingo cun evento de Mini BTT. As carreiras dos maiores tiveron lugar nun trazado catalogado unanimemente como “circuitazo”, moi técnico, no que os favoritos nas probas raíñas senllas exhibicións.

Saúl López recuperou o seu trono no Cross Country Olímpico despois de que o ano pasado participara no Campionato de Galicia disputado en Maceda o biker local e profesional Pablo Rodríguez. Esta vez, sen o ourensán na liña de saída, o corredor de Monforte era o rival a bater e non fallou na busca da súa cuarta camisola da Federación Ciclismo Galego (FCG) nesta especialidade. O representante do Academia Postal-Maceda marchouse na primeira das seis voltas xunto ao tamén elite Samuel González (Máis Que Bici) e aos sub23 Anxo Carril (Coruxo) e Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo). Aos seus tres acompañantes descolgounos no segundo xiro ao circuíto.

Cun rexistro de 1 hora 33 minutos e 7 segundos, Saúl López apuntouse a vitoria con 2’09 sobre Anxo Carril, campión sub23 por segundo ano consecutivo. A terceira posición correspondeu dende a cuarta volta ao elite Manuel Ángel Parada (Xesteiras), que finalizou a 2’55” do gañador, e 34” máis tarde rematou Samuel González, o terceiro ocupante do podio elite. Jorge Punzón (Cosmos) cruzou a liña de meta na quinta posición e sexto fixo Ricardo Buba, colgándose a medalla de prata sub23, unha categoría na que Diego Marnotes (Extol) levouse o bronce.

Pentacampioa

A presenza en Outeiro de Rei da arxentina Josefina Casadey serviu a Lara Lois para probar o seu estado de forma no último test antes do Campionato de España. A galega logrou na primeira das cinco voltas unha renda de 34 segundos que foi aumentando salvo no cuarto parcial. Finalmente, a corredora do RG Bikes levouse o duelo cun tempo de 1:33:54 e 2’27” de vantaxe respecto á competidora suramericana, que non contaba para o Campionato de Galicia.

Lara Lois foi coroada como pentacampioa autonómica elite desta especialidade nunha cerimonia de podio na que estivo escoltada por Raquel Román (Bici Verde) e Desiree Fernández, segunda e terceira respectivamente na categoría raíña. O título sub23 conquistouno Sofía Álvarez (Cambre-Renaul Caeiro), terceira na clasificación absoluta da carreira.

Juniors e cadetes

As carreiras juniors tamén chegaron resoltas á última volta. Alejandro García (Academia Postal-Maceda) dominou entre os mozos e a emoción concentrouse na pugna polo segundo posto, con Martín Sestelo (Avanza-O Porriño) dobregando a Danny Buba (Coruxo) nos metros finais. En canto á proba xuvenil feminina, Aroa Otero (Supermercados Froiz) proclamouse campioa, Marta Estévez (XSM) fixo segunda e Uxía Soto (Supermercados Froiz) rematou terceira.

A incerteza por coñecer ao gañador mantívose case ata os metros finais nos cadetes. Mauro Vega (Coruxo) impúxose por 20” de vantaxe ao dúo composto por Xián Alvariño (Lynalfa Ponteareas) e Néstor Frías (Academia Postal-Maceda), anotándose a segunda posición o biker do conxunto ponteareán. Pola súa banda, a campioa estatal Lorena Patiño (XSM), unha semana despois de renovar o seu título en Cartagena, retivo a camisola autonómica con autoridade. A prata cadete foi para Lara Pita (Cambre-Renault Caeiro) e a medalla de bronce recibiuna Iris Fernández (Academia Postal-Maceda).

Masters

A nómina de campioas e campións nos grupos de idade Máster variou integramente. Ninguén repetiu título respecto ao 2022 e as medallas de ouros conseguíronas en Penas de Rodas a máster-30 Raquel Estévez (Esmelle), o máster-30 José Ramón Villanueva (Código Bike), a máster-40 Silvia García (Bici Verde), o máster-40 Jorge Aguín (Moto Bike), o máster-50 Antonio Rodríguez (Ourense Termal) e o máster-60 Antono González (Salvaterra de Miño).

A clausura da xornada púxose cunha cerimonia de entrega de premios na que participaron Pilar Méndez Lombao, concelleira de Deportes de Outeiro de Rei; Marcos Gascón e Miguel Ángel Arias por parte do Team Bike Outeiro de Rei; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. 

Podios do Campionato de Galicia

Elite feminino

1. Lara Lois (RG Bikes)

2. Raquel (Bici Verde)

3. Desiree Fernández (Ribadumia)

 

Elite masculino 

1. Saúl López (Academia Postal-Maceda)

2. Manuel Parada (Xesteiras)

3. Samuel González (Máis Que Bicis)

 

Sub23 feminino

1. Sofía Álvarez (Cambre Renault-Caeiro)

2. Carla Fernández (QueBici-Marcisport)

 

Sub23 masculino

1. Anxo Carril (Coruxo)

2. Ricardo Buba (High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo)

3. Diego Marnotes (Extol)

 

Cadete feminino

1. Lorena Patiño (XSM)

2. Lara Pita (Cambre-Renault Caeiro)

3. Iris Fernández (Academia Postal-Maceda)

 

Cadete masculino 

1. Mauro Vega (Coruxo)

2. Xián Alvariño (Lynalfa Ponteareas)

3. Néstor Frías (Academia Postal-Maceda)

 

Júnior feminino

1. Aroa Otero (Supermercados Froiz)

2. Marta Estévez (XSM)

3. Uxía Soto (Supermercados Froiz)

 

Júnior masculino

1. Alejandro García (Academia Postal - Maceda)

2. Martín Díaz (Avanza-O Porriño)

3. Danny Buba (Coruxo)

 

Máster-30 feminino

1. Raquel Vázquez (Esmelle)

 

Máster-30 masculino

1. José Ramón Villanueva (Código Bike)

2. Samuel Baña (Toxo)

3. Antonio Mato (Toxo)

 

Máster-40 feminino

1. Silvia García (Bici Verde)

 

Máster-40 masculino

1. Jorgue Aguín (Moto Bike)

2. Jose Carlos Sanmiguel (Ourense Termal)

3. Marcos Mayo (O Treito)

 

Máster-50 masculino 

1. Antonio Rodríguez (Ourense Termal)

2. Óscar González (Máis Que Bicis)

3. Manuel Castro (Toxo)

 

Máster-60 masculino

1. Antonio González (Salvaterra)

2. Manuel Dorrio (Cambre-Renault Caeiro)

3. Francisco Eiras (Cambre-Renault Caeiro)

 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
Lara Lois e Saúl López suman novos títulos do Campionato de Galicia de XCO en Outeiro de Rei
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es