Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O XCO galego acumula triunfos e podios en Melgaço e en Candeleda

05 DE MARZO DE 2024

O júnior Alejandro García comandou coa súa vitoria os resultados da representación autonómica en Portugal. O máster-40 Jorge Aguín impúxose na apertura da Copa de España

O-XCO-galego-acumula-triunfos-e-podios-en-Melgaco-e-en-Candeleda

Fotos: UVP / RFEC

A coincidencia de dous eventos UCI C1 na mesma fin de semana obrigou a elixir ao pelotón do Cross Country Olímpico (XCO) galego. A maioría de bikers da nosa comunidade decantáronse por competir á outra beira do Miño, na localidade portuguesa de Melgaço, mentres que algúns priorizaron a apertura da Copa de España na provincia de Ávila e incluso houbo quen disputou ambas probas. En total, a representación do noso BTT acumulou dous triunfos e cinco podios. 

O Gran Premio Internacional Candeleda-Gredos, a primeira das cinco citas da Copa de España BTT XCO Cofidis, dividiuse en dúas xornadas. O sábado estivo reservado para os cadetes e os masters masculinos, con dous galegos subindo ao caixón nas carreiras dos grupos de idade. Jorge Aguín (Moto Bike) impúxose de xeito incontestable nos máster-40, categoría na que o top-10 pechouno David García (Biciosos Rías Baixas). O outro podio da nosa comunidade asinouno baixo unha intensa chuvia Manuel Ángel Parada (Xesteiras), terceiro nos máster-30 e entrando dous postos por diante do seu compañeiro de equipo Samuel Baña. A Copa de España continuará este domingo en Valladolid. 

imagen

A Manuel Parada aínda lle quedaron forzas para desprazarse ata Melgaço e ao día seguinte participar na estrea da Taça de Portugal 2024. O corredor de Aguiño rematou quinto noutra xornada de chuvia e ademais moi enlamado. No circuíto que o vindeiro ano recibirá o Campionato de Europa Elite, abriron a súa temporada moitas das referencias do XCO galego. 

Lara Lois (RG Bikes), a actual campioa de España Elite, fixo qunta na carreira raíña feminina. Outro campión estatal como é o júnior Alejandro García (Academia Postal - Maceda) anotouse o triunfo con 1 minuto e 10 segundos de vantaxe respecto ao portugués Duarte Galvão (Triumtermica). Nesta mesma categoría Mauro Vega (Coruxo) clasificouse sétimo e Antonio Casal (Cambre), noveno.

En canto ás juniors, a dobre campioa de España cadete Lorena Patiño (XSM) debutou como xuvenil na especialidade olímpica cun segundo posto. Xunto a ela subiu ao podio Aroa Otero (Supermercados Froiz), terceira nunha carreira que se adxudicou a lusa Beatriz Guerra (Guilhabreu) por 49" de diferenza. 

imagen

Pola terceira praza cadete pugnaron Xian Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) e Marcos Rodríguez (Academia Postal - Maceda), superando o biker do conxunto pontevedrés ao da formación ourensá por 16". A colleita autonómica de postos no caixón completouna Óscar Lorenzo (Bici Verde), terceiro nos máster-60. Tamén ocuparon posicións de top-10 as cadetes Lara Pita (Cambre) -cuarta- e Ainoa Posada (Lynalfa-Ponteareas) -décima-, os máster-40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) -cuarto- e Juan José Chapela (Máster Morrazo) -oitavo-, e os máster-50 Esteban Lorenzo (Bici Verde) -sexto- e o seu compañeiro de equipo Manuel Gómez -oitavo-. 

 

Máis información Copa de España

Máis información Taça de Portugal

GALERÍA DE FOTOS

O XCO galego acumula triunfos e podios en Melgaço e en Candeleda
O XCO galego acumula triunfos e podios en Melgaço e en Candeleda
O XCO galego acumula triunfos e podios en Melgaço e en Candeleda
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es