19 DE MAYO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias / Xesteiras
Coa mirada posta no Campionato de España que se celebra en León o vindeiro domingo, este pasado sábado 17 de maio, a Copa de España de Cross Country Maratón (XCM) celebrou a súa segunda cita da temporada na localidade pontevedresa de Cuntis. A Ruta do Lacón, o evento organizado polo Club de Montaña Xesteiras, estreouse na súa undécima edición como proba puntuable para o certame estatal. O valenciano Adrián Benedito (Klimatiza) e a andaluza Natalia Fischer (Extremadura Ecopilas) fixéronse coas vitorias absolutas.
No percorrido de 76 quilómetros e 2.500 metros de desnivel para os homes e de 66 km e 2.200 metros para as mulleres, as ascensións ao Monte Xesteiras, Castro Arcos, Castro Sebil e Cádavo, esta última exclusivamente para a proba masculina, foron os puntos claves para o devir da competición.
Entre os homes, o sub23 Adrián Benedito levouse o triunfo con contundencia, tras dominar a proba practicamente en solitario. Xa no primeiro intermedio, o valenciano sumaba unha diferenza de ao redor dun minuto sobre o segundo clasificado, Adrián García, mentres o líder da competición, Fran Herrero, rodaba en terceiro lugar a 3 minutos da cabeza. No segundo intermedio, o campión de España sub-23 ampliou a renda aos catro minutos sobre o seu perseguidor ao que Herrero tentaba recortar a diferenza. Benedito entraba en liña de meta cun tempo de 3h56:38.9. A 6’33” chegaba Adrián García, mentres Fran Herrero facíao a 9”15, conservando así o liderado.
O mellor galego na táboa scratch foi Manuel Ángel Parada (Xesteiras), quinto na clasificación absoluta e gañador máster-30. Entre os dez primeiros tamén rematou Brandán Márquez (V Bikes), noveno entre todos os participantes e quinto nos elites.
O noso XCM asinou un pleno de vitorias nos grupos de idade máster. O club organizador sumou un segundo triunfo co máster-40 Manuel Casuso, que ademais se vestiu de líder, e compartiu podio co seu compañeiro de equipo Gonzalo Vidal. Ao chanzo máis alto nos 50 subiu Antonio Rodríguez (Ourense Termal) logo de superar por só 17 segundos a Francisco Xavier López Cedrón (Milagrosa). O póker galego completouno nos 60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas).
Pola súa banda, Natalia Fischer reforzou a súa condición de líder. A elite malagueña tomou o control da carreira desde os primeiros compases, mantendo baixo control ás súas rivais. No primeiro parcial, a dobre campioa de Europa da disciplina xa avantaxaba en 8 minutos ás súas perseguidoras, a súa compañeira de equipo María Reyes Murillo e á grovense Lara Lois (RG Bikes). Fischer dobraba a súa renda no segundo paso intermedio sobre o dúo que ocupaba as prazas do podio, e soubo manexar a renda para chegar á meta cun tempo de 4h10:05. Lois chegaba a 17 minutos da gañadora, mentres que a lalinense Tamara Seijas (RG Bikes) ocupaba o terceiro lugar scratch e elite a 27 minutos da andaluza tras lograr dar caza á sub-23 Murillo, cuarta clasificada do día. Raquel Román (Bici Verde) fixo quinta, e cuarta elite, e a outra galega no top-10 absoluto foi Mar Delgado (Monteneme-Calvo), oitava e quinta elite.
A Copa de España XCM regresará á acción o 13 de xullo en Ramales de la Victoria, co xa clásico Desafío Dama Roja.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
BTT
FORMACIÓN
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es