Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Tamara Seijas e Mar Delgado escoltan a Natalia Fischer no desenlace da Copa de España de XC Maratón

27 DE OCTUBRE DE 2025

As elites do Supermercados Froiz e do Monteneme-Calvo fixeron segunda e terceira, respectivamente, en Cazalla de la Sierra, mesmos postos que ocuparon na xeral. Manuel Casuso logrou o título máster-40

Tamara-Seijas-e-Mar-Delgado-escoltan-a-Natalia-Fischer-no-desenlace-da-Copa-de-Espana-de-XC-Maraton

Foto: RFEC

Despois de máis de tres meses de paréntese, a Copa de España de XC Maratón completou o seu calendario este domingo co VI Maratón BTT Cazalla de la Sierra. Tres bikers da nosa comunidade subiron ao podio por partida dobre, tanto polos resultados na proba sevillana como na xeral final do certame autonómico. Tamara Seijas (Supermercados Froiz), segunda, e Mar Delgado (Monteneme-Calvo), terceira, escoltaron en ambas clasificacións á actual subcampioa de Europa na categoría Elite, mentres que Manuel Casuso (Xesteiras) festexou o título máster-40 que xa tiña no peto cun segundo posto no desafío andaluz. 

O percorrido da cuarta e última cita puntuable combinou en 85 quilómetros treitos rápidos con duras ascensións e zonas técnicas. A andaluza Natalia Fischer (Extremadur Ecopilas) impúxose entre as mulleres cun tempo de 3 horas 41 minutos e 17 segundos. A medalla de prata no Europeo deste ano bateu por unha diferenza de 10:26 á segunda clasificada elite e absoluta Tamara Seijas e a 9 minutos da lalinense cruzou a liña de meta a betanceira Mar Delgado na terceira posición.

A mesma foto repetiuse na xeral definitiva da Copa de España. Fischer comandou a táboa con 800 puntos, Seijas sumou 640 e Delgado, con 403, ascendeu á terceira praza grazas ao seu resultado en Cazalla de la Sierra. 

imagen

A vitoria no ranking máster-40 tíñaa garantida o santiagués Manuel Casuso, que pugnou ata o final polo seu terceiro triunfo parcial e consecutivo no calendario do certame estatal. O santiagués fixo segundo no maratón sevillano cun rexistro de 3:23:04, a pouco máis de 1 minuto do gañador no seu grupo de idade, o andaluz José María Virués. Con 750 puntos na xeral, o galego avantaxou en 340 a quen máis se lle achegou, ao castelanleonés Jorge Estévez (7Team). 

O representante do Xesteiras ocupou a 16ª praza absoluta na provincia de Sevilla, rematando catro postos por diante do elite Yago Fernández (Extol-Zambora.es), o outro participante da nosa comunidade nesta cita. 

A vindeira temporada a Copa de España de XC Maratón contará con dous eventos en Galicia, máis concretamente na provincia de Pontevedra: a Ruta do Lacón en Cuntis, o 23 de maio, e o G.P. Concello Cerdedo-Cotobade, o 27 de xuño. 

Máis información

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es