05 DE ABRIL DE 2022
Unha semana despois do Gran Premio Cidade de Pontevedra, a localidade cántabra de Noja acolleu a terceira cita da Copa de España Féminas Cofidis. Cunhas condicións atmosféricas que nada tiveron que ver coas desfrutadas nas Rías Baixas, María Filgueiras repetiu resultado na carreira cadete. A betanceira do Río Miera-Meruelo volveu rematar segunda tras un duelo máis emocionante que o do domingo anterior coa líder invicta Paula Ostiz (Lacturale)
A chuvia e o frío marcaron a cuarta edición do Gran Premio Cantabria Deporte. Nun percorrido para as corredoras cadetes de 31,2 km, a metade da carreira destacáronse Filgueiras, Ostiz e Leyre Almena (Hyunday Koryo Car). A segunda clasificada na xeral da Copa cedeu nas ramplas do Alto de San Mamés, quedando a galega e a navarra nun man a man.
Ostiz, que viña de exhibirse cunha galopada en solitario en Pontevedra, tivo que agardar en Noja ata o treito final para asegurarse a vitoria. Nos últimos quilómetros Filgueiras non puido seguirlle o ritmo e cruzou a liña de meta a 13 segundos. Esta actuación permite á ciclista de Betanzos recortar a diferenza na xeral respecto a Almena, que concluíu terceira. Agora están separadas por 14 puntos.
Por detrás das tres primeiras, a 1:48 da gañadora, chegou o pelotón cunha galega sacando a relucir a súa punta de velocidade. A coruñesa Lara Fuentes (Cambre Caeiro) fixo segunda no esprint do gran grupo, o que lle outorgou a quinta posición na carreira, mellorando o sétimo posto que lograra en Pontevedra. Un total de 87 cadetes completaron a proba.
Outro resultado sobranceiro para o noso ciclismo asinouno Carla Fernández na carreira raíña. A viguesa do Team Farto-BTC formou parte do selecto grupo que pugnou pola vitoria e clasificouse 13ª, sendo a sexta mellor sub23, a 4" da vencedora Alba Leonardo (Río Miera). En canto á participación galega na categoría júnior, o mellor resultado acadouno Sonia Domínguez (Team Farto-BTC): 31ª a 10" da gañadora Lucía Pérez (Río Miera).
A Copa de España feminina regresará o 23 de abril en Balmaseda (Biscaia).
Máis información e clasificacións
SELECCIÓNS
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es