Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Póker das galegas en Karrantza

06 DE NOVIEMBRE DE 2022

A cadete Lorena Patiño, a júnior María Filgueiras, a máster-40 Marina González e a máster-50 Isabel Castro venceron na quinta xornada da Copa de España. Andrés Calvete acariciou a vitoria nos máster-40

Poker-das-galegas-en-Karrantza-

Fotos: RFEC

Ao día seguinte da C1 de Llodio, a Copa de España celebrou a súa quinta xornada sen saír de Euskadi. O XXIX Ciclocross Internacional de Karrantza, evento de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI) para juniors e elite-sub23, resolveuse este domingo coa mesma cifra de podios para a armada galega que na véspera, pero con maior número de vitorias. De dous triunfos pasouse a catro e todos eles asinados por mulleres: a cadete Lorena Patiño (XSM), a júnior María Filgueiras (XSM), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e a máster-50 Isabel Castro (Condado Bike). A ese póker estivo a piques de unirse Andrés Calvete (Monte Xalo), segundo por mor dunha avaría nos máster-40.

A fin de semana comezou para María Filgueiras en Namur (Bélxica) debutando coa selección de española no Campionato de Europa e pechouse coa betanceira vestíndose de líder da Copa de España na provincia de Biscaia. A ponteareá Uxía Soto (Supermercados Froiz) non participou en Karrantza e a súa ausencia aproveitouna a do XSM para desbancala do primeiro posto da xeral. A corredora de primeiro ano na categoría júnior impúxose por 39" de diferenza respecto á cántabra Natalia Alonso (Bicicletas Meta) e o podio completouno a catalá Laia Bosch (Costa Brava). Sarela Conde(Academia Postal-Maceda), terceira o día anterior, finalizou novena e tamén obtivo puntos UCI.  

O outro triunfo do XSM acadouno a líder cadete do certame estatal. A marinense Lorena Patiño continúa esta temporada sen coñecer outro posto que non sexa o primeiro. 24 horas despois de gañar en Llodio, dominou por 46" de vantaxe á valenciana Leyre Almena (Fundación Teika)e a terceira posición correspondeu á castelá-leonesa Lidia Castro (Meruelo). As galegas Alejandra Neira (Cambre) e Alba Gregores (Ponteareas) fixeron sétima e undécima, respectivamente, mentres que na carreira cadete masculina Xián Alvariño (Ponteareas) rematou sexto, Raúl Puelles (Caimanes Betanzos), sétimo, e Santiago Otero (XSM), décimo.  

A xeira de vitorias que tampouco se corta é a da máster-40 Marina González, quen nas súas tres últimas aparicións na Copa ergueu os brazos na liña de meta. A verinesa, vencedora na véspera, superou en Karrantza por 16" a Veerle Cleiren (Montbrio) e a líder Ruth Moll (Oviedo.es) concluíu terceira, polo que o seu colchón de puntos na xeral sobre a ciclista do Illas Cíes queda reducido a 12. 

Na quenda máster tamén subiu ao máis alto do caixón Isabel Castro. A ponteareá non estivo en Llodio, onde perdeu a camisola de líder do grupo de idade dos 50 anos, unha prenda que recuperou este domingo. A corredora do Condado Bike bateu con comodidade a súa principal rival na xeral Raquel Montañés (Fuenlabrada), segunda, e a Sonia Ortega (Grupo Salvaje). 

O quinto podio galego da xornada obtívoo nos máster-40 Andrés Calvete nun desenlace cruel para o cambrés. Cando saía primeiro da última curva e tiña todo a favor para gañar, caéuselle a cadea do último piñón, un problema mecánico que lle outorgou a vitoria ao líder da xeral Isaac Suárez (Nesta). O representante do Monte Xalo repetiu o resultado colleitado no arranque da fin de semana, aínda que cun sabor de boca moito máis amargo, e Moisés Leboso (G.D. 10) clasificouse sexto. En canto, aos máster-30, Miguel Porto (Ponteareas) terminou cuarto, quedando a 15 segundos da terceira praza. 

Trabazo, sétima

Seis puntos UCI apañou Irene Trabazo (XSM) na carreira Elite-Sub23. A vixente campioa de Galicia cruzou a liña de meta na sétima posición, a 3'14" da neerlandesa Manon Bakker, primeira por diante de Lucía González (Nesta). Pola súa banda, Samuel González (Máis Que Bicis) conseguiu o mellor resultado dos galegos (18º) nos elite-sub23 masculinos. 

A Copa de España continuará a vindeira fin de semana na localidade manchega de Tarancón. 

Máis información e clasificacións

Páxina da Copa de España

GALERÍA DE FOTOS

Póker das galegas en Karrantza
Póker das galegas en Karrantza
Póker das galegas en Karrantza
Póker das galegas en Karrantza
Póker das galegas en Karrantza
Póker das galegas en Karrantza
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es