12 DE NOVIEMBRE DE 2023
Fotos: RFEC
A Copa de España de Ciclocrós recuperou este sábado, na súa sexta e antepenúltima xornada, á maioría de integrantes da selección española que a anterior fin de semana se perderon a cita de Karrantza por estar disputando o Campionato de Europa. Ese foi o caso de catro especialistas da nosa comunidade. Unha delas, a júnior Lorena Patiño (XSM), regresou con vitoria ao certame estatal e ampliou a súa renda como líder en Alcobendas, onde a súa compañeira de equipo Irene Trabazo mantívose no máis alto da xeral Elite ao lograr a terceira praza na carreira raíña feminina.
Despois de sumar dous triunfos consecutivos, en Les Franqueses e en Karrantza, a marinense Trabazo reencontrouse na Comunidad de Madrid co dúo do Nesta-MMR que domina o calendario estatal. Nin Lucía González nin Sofía Rodríguez participaran nas dúas últimas citas da Copa de España e buscaron romper dende a saída a carreira Elite-Sub23 do XI Ciclocross Ciudad de Alcobendas EnBici. A capitá do XSM agarrouse a súa roda, pero acabou cedendo ante o ritmo da asturiana e da valenciana. Coas dúas principais ameazas para o seu liderado rodando por diante, a corredora de Marín conseguiu que non se lle escapara a terceira posición. Cruzou a liña de meta a 2 minutos e 21 segundos da vencedora Lucía González e con 37" de marxe respecto a Alicia González (Movistar), a irmá da gañadora, que terminou cuarta. O noveno posto absoluto -e cuarto sub23- asinouno Laura Mira (Farto) e o décimo sexto -décimo sub23- Uxía Soto (Supermercados Froiz).
A falta de dúas probas puntuables, Trabazo comanda a xeral con 12 puntos de vantaxe respecto a Lucía González. A belga Laura Verdonschot (De Ceuster) é terceira a 18 e Sofía Rodríguez, cuarta a 21. A Copa de España resolveresa a fin de semana do 16 e do 17 de decembro cunha dobre cita na Comunitat Valenciana.
A terras levantinas tamén chegará vestida de líder a júnior Lorena Patiño. A súa xeira como invicta no certame estatal de ciclocrós ampliouna en Alcobendas a catorce carreiras. Nesta ocasión, a xuvenil marinense do XSM ergueu os brazos con medio minuto de marxe sobre a vasca Irati Aranguren (Andoaingo). O podio completouno a aragonesa Ana López (Huesca La Magia) e as outras dúas prazas do top-5 ocupáronas dúas galegas, Aroa Otero (Supermercados Froiz) fixo cuarta e Marta Estévez (XSM).
Na xeral, as tres corredoras do noso ciclocrós acaparan as tres primeiras posicións. Patiño suma 125 puntos, Estévez 81 e Otero 80.
En canto ao apartado masculino, o ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) pugnou con outros tres corredores polo terceiro chanzo do caixón absoluto Elite-Sub23. Finalmente, clasificouse sexto e terceiro mellor sub23 nunha carreira que se adxudicou o seu compañeiro de equipo Gonzalo Inguanzo. Entre os dez primeiros da súa categoría tamén se meteu Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), sexto en Máster-40.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es