05 DE NOVIEMBRE DE 2023
O Campionato de Europa de Ciclocrós, o evento que no 2024 vai ter como sede Pontevedra, disputouse este domingo no circuíto francés de Pont-Chateau con catro ciclistas da nosa comunidade defendendo as cores da selección española. Nun escenario moi enlamado, Lorena Patiño asinou o mellor resultado da representación galega ao acadar a 18ª posición, seis postos por diante de Aroa Otero, que tamén finalizou da metade para arriba na clasificación Júnior. En cantos ás carreiras Sub23, Laura Mira concluíu 25ª e Miguel Rodríguez abandonou.
O mal tempo marcou por completo esta fin de semana en territorio galo. As intensas tormentas obrigaron a modificar o programa do Europeo, concentrando as carreiras nunha soa xornada, e transformaron a fisionomía do percorrido. Un trazado rápido e con moito ritmo encheuse de lama, incrementando a dificultade técnica e o risco, así como a dureza.
A proba Júnior feminina, con 49 corredoras inscritas, arrancou con Lorena Patiño na 16ª posición e Aroa Otero na 21ª. No se debut coa selección española de ciclocrós, a marinense do XSM colleitou unha actuación moi positiva de cara ao futuro. Sendo unha ciclista de primeiro ano na categoría, mantívose firme de principio a fin para acabar xogándose nos últimos metros a 16ª praza, un duelo a tres no que a superaron a suíza Muriel Ferrer e a francesa Lison Desprez. Patiño cruzou a liña de meta a 3 minutos e 53 segundos da gañadora Célia Gery (Francia) e 58" antes de que Otero rematara 24ª. Para a porriñesa do Supermercados Froiz foi a súa segunda participación na gran cita continental desta modalidade. A terceira xuvenil española, a vasca Irati Aranguren, fixo a 39ª.
O barro de Pont-Chateau atragoouselles máis nas competicións Sub23 á porriñesa Laura Mira e ao ponteareán Miguel Rodríguez. Ambos con experiencia no Campionato de Europa de Ciclocrós, a especialista do Farto só se clasificou por diante da cántabra Andrea Velasco e o corredor do Supermercados Froiz retirouse cando marchaba 44º unha vez superado o ecuador da carreira.
Máis información e clasificacións
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es