Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra

29 DE OCTUBRE DE 2024

Miguel Rodríguez anotouse a terceira praza absoluta e o primeiro posto sub-23

Lorena-Patino-vence-no-ciclocros-UCI-C1-de-Melgaco-o-ultimo-ensaio-antes-do-Europeo-de-Pontevedra

Fotos: Federação Portuguesa de Ciclismo / RFEC

Os sete ciclocrosistas da nosa comunidade que van disputar o Campionato de Europa de Pontevedra coa selección española e outros especialistas galegos cruzaron o río Miño este domingo para competir nun evento de clase C1 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI). A localidade fronteiriza de Melgaço acolleu a segunda proba puntuable da Taça de Portugal e, a súa vez, o último gran ensaio antes do Europeo na Illa das Esculturas. A vitoria da júnior Lorena Patiño (XSM) e a terceira praza absoluta do sub-23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froz) sobresaíron na actuación do noso CX. 

A vixente campioa de España xuvenil sumou o seu segundo triunfo nunha semana en territorio luso. Nesta ocasión, a marinense Lorena Patiño bateu por 56 segundos de diferenza á vasca Maier Olano (ZU-k). A sétima praza nas júnior ocupouna Lara Pita (Cambre).

Tamén subiu ao máis alto do caixón por segunda fin de semana consecutiva Miguel Rodríguez. O ponteareán volveu ser o mellor sub-23, clasificación na que outro internacional galego, Tomás Pombo (Padronés Cortizo), fixo terceiro por detrás do madrileño Emilio Reinoso. A carreira raíña masculina dominouna o elite cántabro Kevin Suárez (Nesta) por diante do asturiano Mario Junquera (Unicaja). A 1:58 do gañador entrou Rodríguez, terceiro na táboa absoluta, e a 3:18 rematou Pombo, sexto na liña de meta. 

imagen

Outro podio sub-23 colleitou a porriñesa Laura Mira (Team Farto - BTC), segunda no seu grupo de idade a 1:12 da vasca Nahia Arana (Euskoime) e sexta absoluta na carreira que se apuntou a asturiana Lucía González (Nesta). Entre as dez mellores absolutas tamén concluíu Aroa Otero (Supermercados Froiz), cuarta nas sub-23. 

imagen

Os dous júnior da nosa comunidade convocados para o Campionato de Europa tampouco se perderon este test. Raúl Puelles (Caimanes Betanzos) quedou cuarto, a 12" do terceiro posto nun podio que monopolizaron os corredores do MMR Academy asturiano, e Néstor Frías (Academia Postal - Maceda) clasificouse 21º. No resto de xuvenís galegos destacaron Xián Alvariño (Lynalfa Ponteareas), sexto, e Darío Buceta (Farto), décimo.

Fóra do programa de categorías con puntos UCI en xogo, tres máster recolleron premios no podio. Manuel González (Máster da Louriña) obtivo a terceira posición nos 50 e en canto aos 60, Manuel Bugallo (Biciosos Rías Baixas) e Antonio González (Salvaterra), segundo e terceiro respectivamente, escoltaron ao portugués Fernando Gonçalvez (Vila Pouca). 

COPA DE ESPAÑA

O día anterior, o sábado, a Copa de España alcanzou a súa terceira xornada en Les Franqueses del Vallès. Ata a provincia de Barcelona desprazáronse dous dos catro galegos que saíron vestidos de líderes de Marín. No máis alto da xeral non seu puido manter o cadete Lucas Lozano (XSM), décimo neste Gran Premio KH-7. Si que conservou a camisola do certame estatal o máster-40 Andrés Calvete (Monte Xalo) ao finalizar segundo logo dunha fermosa pugna co catalán Bernat Pou (Cicles Vic). Nese mesmo grupo de idade, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) terminou quinto.

imagen

Pola súa banda, o sub-23 Miguel Rodríguez e a máster-40 Marina González (Illas Cíes) non participaron e caeron ás segundas posicións dos seus rankings. A Copa de España regresará coa súa cuarta cita da temporada o 10 de novembro en Karrantza (Biscaia). 

Máis información Melgaço 

Máis información Les Franqueses

 

GALERÍA DE FOTOS

Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
Lorena Patiño vence no ciclocrós UCI C1 de Melgaço, o último ensaio antes do Europeo de Pontevedra
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es