Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos

15 DE ENERO DE 2023

O sub23 do Supermercados Froiz colgouse a prata e as dúas juniors da Selección fixéronse coa segunda e a terceira posición. Cuarta praza de Irene Trabazo nas elites e de Laura Mira nas sub23. Oito podios, balance final do ciclocrós autonómico en Vic

Miguel-Rodriguez-Maria-Filgueiras-e-Aroa-Otero-completan-a-colleita-de-metais-galegos

Fotos: RFEC / Luz Iglesias

Con tres podios e outros catro postos de top-5 o ciclocrós galego pechou este domingo o seu notable paso polo Campionato de España de Ciclocrós 2023 disputado na localidade barcelonesa de Vic. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), prata na carreira Sub23, e as juniors do combinado autonómico María Filgueiras e Aroa Otero, segunda e terceira respectivamente, protagonizaron os resultados máis destacados na xornada de clausura. En total, para Galicia viñéronse oito medallas despois de tres días de competición.

As características do circuíto, rápido e sen lama, non eran as máis favorables para Miguel Rodríguez, pero o ponteareán subiu un chanzo no caixón sub23 respecto ao ano pasado, cando fixo terceiro en Xàtiva. Nesta ocasión, o Supermercado Froiz controlou de principio a fin. O cántabro Gonzalo Inguanzo destacouse dende o inicio e o seu compañeiro de equipo galego vixiou a Alain Suárez (Nesta-MMR) e a Raúl Mira (Comunidade Valenciana) ata que na terceira das sete voltas abandonou o terceto perseguidor.

Rodríguez chegou a situarse a 10 segundos de Inguanzo, que se mantivo en solitario ata o final e conquistou a camisola rojigualda. A terceira posición, 59” despois de que cruzara a liña de meta o corredor de Ponteareas, resolveuse de xeito axustado a prol de Suárez ante Diego Ruiz de Arcaute (Euskadi). Anxo Carril, da Selección de Galicia, concluíu décimo terceiro e as cores autonómicas tamén as defendeu Borja Gómez, que na cerimonia de podio recibiu un agarimoso recoñecemento por parte da organización.

Catalunya vs Galicia

As elites, as sub23 e as juniors competiron á vez na quenda raíña feminina e nas tres categorías o combinado dirixido por Alberto del Río contou con representación nos primeiros postos. A carreira do grupo de idade xuvenil converteuse nun man a man entre as seleccións de Galicia e de Catalunya, acaparando entre estes dous bloques as cinco primeiras prazas. A betanceira María Filgueiras e a local Marta Cano abriron oco na primeira volta, marchándose por diante a corredora da comunidade autónoma anfitrioa no seguinte parcial. Nese segundo xiro ao circuíto, a ponteareá Uxía Soto e a catalá Laia Bosch contactaban coa ciclista de Betanzos, campioa de España cadete no 2022.

Filgueiras volveu á carga na terceira das cinco voltas e comezou unha infrutuosa persecución. Cano resistiu para obter o título júnior por 23” de vantaxe sobre a coruñesa e a emoción na segunda metade da carreira centrouse na pugna pola medalla de bronce. A porriñesa Aroa Otero, indo de menos a máis, adiantou a Soto, pero non puido descolgar a Bosch, con quen se xogou a terceira posición na recta de meta. O man a man decantouse do lado da do Porriño. Dobre podio da Selección de Breogán e con dúas corredoras de primeiro ano na categoría.

As outras dúas ciclocrosistas do combinado de Galicia nesta quenda quedáronse ás portas do podio. Irene Trabazo asinou o seu mellor Campionato de España como elite e mesmo liderou a proba raíña na segunda volta. Unha vez que o ataque da marinense foi neutralizado, Lucía González (Nesta-MMR) dinamitou o cuarteto de cabeza. A asturiana puxo a directa cara o seu quinto título estatal, seguida de preto pola súa compañeira de equipo Sofía Rodríguez e na terceira posición rodou ata o final Alba Teruel (Laboral Kutxa), que se distanciou en 1’ da galega, cuarta tanto na clasificación elite como na absoluta. A ‘medalla de chocolate’ tamén lle correspondeu a Laura Mira nas sub23. A porriñesa, duodécima na táboa absoluta, rematou a 26” da terceira no seu grupo de idade, de Susana Pérez (Comunidade Valenciana).

André Martínez, quinto

A adxudicarse un metal tampouco renunciou ata a aproximación a meta o júnior André Martínez. O tudense terminou quinto, completando a carreira xuvenil a menos de medio minuto do terceiro clasificado Emilio Reinoso (Madrid). Martín Díaz, tamén da Selección de Galicia, fixo o trixésimo. A actuación da expedición da Federación Ciclismo Galego en Vic finalizou coa vixésimo terceira posición de Samuel González na proba elite, a categoría estrela masculina na que Saúl López (Academia Postal-Maceda) apuntouse a décimo oitava praza e o valenciano Felipe Orts (Burgos BH) coroouse campión de España por quinta vez. 

Volvendo a poñer de manifesto a boa saúde da que goza, o ciclocrós galego regresou de Catalunya cunha colleita de oito medallas, seis delas acadadas coas cores da Selección de Breogán: tres ouros -Lorena Patiño nas cadetes, Marina González nas máster-40A e Isabel Castro (Condado Bike) nas máster-50A-, catro pratas -Team Relay, María Filgueiras nas juniors, Miguel Rodríguez nos sub23 e Andrés Calvete nos máster-40A- e o bronce da júnior Aroa Otero. 

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
Miguel Rodríguez, María Filgueiras e Aroa Otero completan a colleita de metais galegos
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es