05 DE FEBRERO DE 2024
Fotos: RFEC
A temporada 2023-2024 do ciclocrós galego, a previa ao Campionato de Europa de Pontevedra do vindeiro outono, concluíu este sábado no Mundial de Tábor. No enlamado e esvaradío circuíto da República Checa, tres especialistas da nosa comunidade defenderon as cores da selección española. Unha experiencia inesquecible para o ponteareán Miguel Rodríguez, a marinense Loreña Patiño e a porriñesa Aroa Otero, na que se ratificou o peso do noso CX a nivel estatal.
Nas dúas carreiras con presenza autonómica, o mellor resultado de España chegou dende Galicia. O programa individual do Campionato do Mundo abriuse coa proba júnior feminina. Lorena Patiño, exercendo de campioa estatal, liderou o cuarteto dirixido polo seleccionador Pascual Momparler. A xuvenil de primeiro ano do XSM tivo algunhas dificultades na saída e na primeira das tres voltas para despois ir pouco a remontando ata meterse entre as 25 mellores. No seu debut no Mundial de Ciclocrós finalizou 24ª, a 3 minutos e 46 segundos da gañadora, a francesa Célia Gery.
Tamén se estreou Aroa Otero na cita máis importante do planeta CX. A actual subcampioa de España júnior completou a primeira volta a 3" de Patiño, pero non puido manter o ritmo da de Marín e rematou 41ª, a 5'16 da vencedora. Deste xeito, a corredora do Supermercados Froiz pechou súa etapa como xuvenil nas competicións de ciclocrós. Entre as dúas galegas clasificáronse a aragonesa Ana López (28ª) e a vasca Irati Aranguren (32ª) nunha carreira con 53 participantes.
A seguinte competición que se disputou en Tábor supuxo o regreso de Miguel Rodríguez ao Mundial logo descubrir este evento no 2022 en Estados Unidos. O sub-23 do Supermercados Froiz mellorou o 24º posto acadado dous anos antes en Fayetteville. Indo de menos a máis, foi o mellor español sobre o barro checo. Pasou de rodar 28º na segunda volta a conseguir a 21ª praza na quinta e última. O especialista de Ponteareas cruzou a liña de meta a 4'18 do neerlandés Tibor del Grosso, que se colgou a medalla de ouro. O valenciano Raúl Mira ocupou a 30ª posición e o cántabro Alain Suárez a 38ª nunha táboa composta por 57 corredores.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es