28 DE JUNIO DE 2025
Fotos: RFEC
O día de despois de acadar por medio de Alejandra Neira o ouro júnior de contra o reloxo, a Selección de Galicia non sumou ningunha medalla máis no Campionato de España de Estrada que se está a celebrar en Granada, pero estivo moi activa nas probas en liña deste sábado. O infortunio en forma de picada impediu que a gran baza feminina do combinado da Federación Ciclismo Galego puidera loitar nos últimos quilómetros por un segundo título e na carreira sub-23 masculina a Tomás Pombo só lle faltou culminar unha gran actuación como integrante da escapada que acabou triunfando. Ambos ciclistas, de primeiro ano nas súas categorías, remataron na 14ª posición.
Baixo unha intensa calor, a Selección de Breogán contou con 17 representantes ao longo da xornada. A primeira das tres carreiras foi a júnior feminina sobre un percorrido de 85,5 quilómetros. A santiaguesa Alejandra Neira e a actual subcampioa do mundo, a navarra Paula Ostiz, non tardaron demasiado en aproveirtar a dureza do trazado para ir desgastando ao resto de corredoras. Os cambios de ritmo protagonizados polas dúas ciclistas do Baqué Movistar Team só o resistiron outras tres xuvenís.
Coa cabeza da proba reducida a un quinteto, no longo descenso final que conducía ata a liña de meta de Granada, Neira sufriu unha picada que a deixou fóra da pugna polas medallas. Unha vez que volveu a pedalear, formou parte do grupo perseguidor que chegou a 20 segundos da gañadora Ostiz e das súas tres acompañantes. As outras dúas júniores da selección dirixida por Jacobo Ucha, Inés Santalla e Irene Signo, concluíron na 24ª e na 38ª posición, respectivamente.
A competición júnior masculina tivo a Diego López como un dos seus animadores na primeira parte dos seus 121 quilómetros. O santiagués obtivo o mellor resultado da Selección de Galicia, o 19º posto, na extraordinaria exhibición do asturiano Benjamín Noval. O vencedor atacou a falta de 60 km para a meta e impúxose en solitario con 4 minutos e 23 segundos de vantaxe respecto ao segundo clasificado.
A segunda xornada do Campionato de España encargáronse de pechala pola tarde os sub-23. Os 144 quilómetros dun perfil quebrado, no que se acumulaban 2.670 metros de desnivel positivo, arrancaron con Iván Belmonte participando na primeira fuga xunto a outros tres corredores. Unha vez neutralizada esa aventura, á altura do km 30 consolidouse unha escapada de 16 unidades con Tomás Pombo como representante da Selección de Breogán.
O ciclista de Carballo transmitiu moi boas sensacións a medida que o grupo se ía seleccionando. Pombo xogou a gañar, asumindo a responsabilidade de responder aos ataque, e o esforzo realizado pagouno de golpe a piques de coroar a última subida. O seu desfalecemento arrastrouno ata a 14ª praza, cruzando o arco de chegada a 5 minutos e 12 segundos do novo campión sub-23 Yago Aguirre (Euskadi). Iván Belmonte terminou 1' despois do seu compañeiro de selección no 28º posto.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es