06 DE ENERO DE 2023
Os Reis Magos trouxeron un agasallo moi especial para o ciclismo galego. Unha deportista pioneira únese ao cadro técnico da Selección de Galicia. Eva Castro (Oleiros, 1977) toma a remuda de Esteban Lorenzo á fronte dos combinados de Descenso e Enduro.
A nova responsable das especialidades gravity da Selección de Breogán é unha das mellores corredoras autonómicas de todos os tempos. No seu extenso palmarés destacan as medallas de bronce acadadas no Campionato de Europa de 4X no 2006 e na Copa do Mundo de 4X do 2007 celebrada en Vigo. Dez veces campioa de España de 4X e Dual, a nivel estatal tamén conquistou o Open de Descenso no 2011 e o Campionato de Enduro do 2013.
A paixón que dende moi nova a levou a querer ir o máis rápido posible enriba da bicicleta, transmítea máis alá dos adestramentos e das competicións. Eva Castro abriu un camiño para o ciclismo feminino na nosa comunidade con resultados, involucrándose na reivindicación de instalacións e colaborando no fomento da base. Unha embaixadora con maiúsculas. Aos seus coñecementos deportivos hai que engadir os laborais, ao levar máis dunha década traballando no sector da bicicleta.
Pola súa experiencia e o seu perfil profesional, Eva Castro encaixa á perfección no proxecto deseñado polos actuais responsables federativos. Ademais, con esta designación continúa avanzándose no obxectivo de introducir e dar relevancia ás mulleres nos estamentos da Federación.
A nova seleccionadora de DH-Enduro ocupará o posto que durante os últimos anos correspondeu a Esteban Lorenzo, a quen a FCG agradece a súa dedicación durante unha etapa cargada de éxitos para o BTT galego.
BTT
BTT
BTT
BTT
BTT
BMX
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es