23 DE JUNIO DE 2023
Fotos: RFEC
O gran campionato do ciclismo español en Estrada arrancou este venres na Comunidad de Madrid coas probas de contra o reloxo individiual (CRI) e cun bo resultado dos dous representantes da Selección de Galicia Sub23 que competiron na localidade de Sevilla la Nueva. Raúl Casalderrey obtivo a sétima praza e Alejandro Paz a undécima nun percorrido de 32 quilómetros. Estes dous corredores volverán poñerse un dorsal este sábado para formar parte do 'oito' do combinado da Federación Ciclismo Galego na carreira en liña.
A calor xogou un destacado papel nun trazado rápido e que picaba constantemente para arriba nos seus últimos quilómetros. O poiense Casalderrey, vixente campión autonómico desta especialidade, logrou o obxectivo de mellorar a novena praza acadada no 2022. No paso intermedio do km 17 situouse sétimo e mantivo ese posto na meta. O ciclista que pertence ao Supermercados Froiz detivo o reloxo en 40 minutos e 22 segundos, rodando a unha velocidade media de 47,56 km/h. Quedouse a 1'02" do podio.
O ribeirense Paz, do Padronés Cortizo, estreábase coa Selección de Breogán nun Campionato CRI e no punto de referencia asinou a décimo terceira posición. O seu rendemento na parte final da 'crono' permitiulle subir dous postos para acabar undécimo cun rexistro de 41'22", a pouco máis de medio minuto de meterse no top-10. O título de campión Sub23 conquistouno Unai Aznar (Navarra), cun tempo de 38'59, batendo por 9" ao seu irmán Hugo. O terceiro chanzo do caixón ocupouno Javier Ibáñez (Castilla y León).
Os sub23 volverán a escena este sábado pola tarde. San Lorenzo de El Escorial acolle a saída e a chegada da carreira en liña, de 166 km e case 3.000 metros de desnivel positivo acumulado. O seleccionador galego Jacobo Ucha presentará unha aliñación composta por Casalderrey, Paz, Manuel Rodríguez, Miguel Rodríguez, Martín Rey, Andrés Taboada, Sergio Lorenzo e Ángel Maneiro.
Elites
O terceiro galego que participou no Campionato CRI 2023 fíxoo na categoria Elite UCI. O limiao Carlos Canal, defendendo as cores do Euskaltel Euskadi, clasificouse décimo quinto. O ourensán completou a mesma distancia que os sub23 en 39'01" e na segunda parte da contra o reloxo perdeu dous postos respecto ao paso intermedio. Cos profesionais compartiron quenda os Elites, logrando a medalla de prata o Vigo-Rías Baixas por medio do vallisoletano Vicente Hernaiz.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es