Canal avala a súa candidatura para La Vuelta na Étoile d'Or

21 DE JULIO DE 2021

O limiao finalizou 35º na xeral defendendo as cores da selección española Sub23

Canal-avala-a-sua-candidatura-para-La-Vuelta-na-etoile-dOr

Segundo mellor clasificado da selección española na xeral, Carlos Canal iniciou na Étoile d'Or o bloque máis relevante do seu calendario 2021. O ciclista de Xinzo de Limia disputou durante os dous primeiros días desta semana o terceiro evento da Copa das Nacións Sub23. O seu rendemento nas estradas francesas avala a súa candidatura para estar o vindeiro 14 de agosto na liña de saída de La Vuelta. 

O galego demostrou ter boas pernas nas dúas etapas en liña da proba gala. Tras asinar a 76ª posición no prólogo matinal (9,6 quilómetros) do primeiro día en Pouligny-Saint-Pierre, pola tarde obtivo o 27º posto ao remate dos 142 km entre Mérigny-Saint-Savin e Le Blanc. Un resultado similar ao acadado o martes na tirada máis longa, 182 km con saída e chegada en Montmorillon. Canal cruzou a liña de meta na 25ª praza e na xeral ascendeu á 35ª, quedando a 1:10 do polaco Filip Maciejuk, gañador da Étoile d'Or. Xabier Mikel Azparren (9º) foi o único representante do combinado español sub23 que se clasificou por diante do ourensán na táboa definitiva. 

O limiao do Burgos BH chegaba a esta carreira despois de realizar unha concentración en Sierra Nevada. As súa vindeiras citas serán a Prueba Villafranca - Ordiziako Klasika, a Clásica de San Sebastián, a Vuelta a Burgos e logo, se o seu equipo o elixe, La Vuelta.  "Estou na preselección e dependerá dos resultados e das sensacións. Somos dez para oito postos", indicou Canal a pasada fin de semana na Radio Galega.

Clasificacións Étoile d'Or

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es