06 DE NOVIEMBRE DE 2022
Fotos: RFEC
Ao día seguinte da C1 de Llodio, a Copa de España celebrou a súa quinta xornada sen saír de Euskadi. O XXIX Ciclocross Internacional de Karrantza, evento de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI) para juniors e elite-sub23, resolveuse este domingo coa mesma cifra de podios para a armada galega que na véspera, pero con maior número de vitorias. De dous triunfos pasouse a catro e todos eles asinados por mulleres: a cadete Lorena Patiño (XSM), a júnior María Filgueiras (XSM), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e a máster-50 Isabel Castro (Condado Bike). A ese póker estivo a piques de unirse Andrés Calvete (Monte Xalo), segundo por mor dunha avaría nos máster-40.
A fin de semana comezou para María Filgueiras en Namur (Bélxica) debutando coa selección de española no Campionato de Europa e pechouse coa betanceira vestíndose de líder da Copa de España na provincia de Biscaia. A ponteareá Uxía Soto (Supermercados Froiz) non participou en Karrantza e a súa ausencia aproveitouna a do XSM para desbancala do primeiro posto da xeral. A corredora de primeiro ano na categoría júnior impúxose por 39" de diferenza respecto á cántabra Natalia Alonso (Bicicletas Meta) e o podio completouno a catalá Laia Bosch (Costa Brava). Sarela Conde(Academia Postal-Maceda), terceira o día anterior, finalizou novena e tamén obtivo puntos UCI.
O outro triunfo do XSM acadouno a líder cadete do certame estatal. A marinense Lorena Patiño continúa esta temporada sen coñecer outro posto que non sexa o primeiro. 24 horas despois de gañar en Llodio, dominou por 46" de vantaxe á valenciana Leyre Almena (Fundación Teika)e a terceira posición correspondeu á castelá-leonesa Lidia Castro (Meruelo). As galegas Alejandra Neira (Cambre) e Alba Gregores (Ponteareas) fixeron sétima e undécima, respectivamente, mentres que na carreira cadete masculina Xián Alvariño (Ponteareas) rematou sexto, Raúl Puelles (Caimanes Betanzos), sétimo, e Santiago Otero (XSM), décimo.
A xeira de vitorias que tampouco se corta é a da máster-40 Marina González, quen nas súas tres últimas aparicións na Copa ergueu os brazos na liña de meta. A verinesa, vencedora na véspera, superou en Karrantza por 16" a Veerle Cleiren (Montbrio) e a líder Ruth Moll (Oviedo.es) concluíu terceira, polo que o seu colchón de puntos na xeral sobre a ciclista do Illas Cíes queda reducido a 12.
Na quenda máster tamén subiu ao máis alto do caixón Isabel Castro. A ponteareá non estivo en Llodio, onde perdeu a camisola de líder do grupo de idade dos 50 anos, unha prenda que recuperou este domingo. A corredora do Condado Bike bateu con comodidade a súa principal rival na xeral Raquel Montañés (Fuenlabrada), segunda, e a Sonia Ortega (Grupo Salvaje).
O quinto podio galego da xornada obtívoo nos máster-40 Andrés Calvete nun desenlace cruel para o cambrés. Cando saía primeiro da última curva e tiña todo a favor para gañar, caéuselle a cadea do último piñón, un problema mecánico que lle outorgou a vitoria ao líder da xeral Isaac Suárez (Nesta). O representante do Monte Xalo repetiu o resultado colleitado no arranque da fin de semana, aínda que cun sabor de boca moito máis amargo, e Moisés Leboso (G.D. 10) clasificouse sexto. En canto, aos máster-30, Miguel Porto (Ponteareas) terminou cuarto, quedando a 15 segundos da terceira praza.
Trabazo, sétima
Seis puntos UCI apañou Irene Trabazo (XSM) na carreira Elite-Sub23. A vixente campioa de Galicia cruzou a liña de meta na sétima posición, a 3'14" da neerlandesa Manon Bakker, primeira por diante de Lucía González (Nesta). Pola súa banda, Samuel González (Máis Que Bicis) conseguiu o mellor resultado dos galegos (18º) nos elite-sub23 masculinos.
A Copa de España continuará a vindeira fin de semana na localidade manchega de Tarancón.
EVENTOS
FORMACIÓN
AVISOS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
FEDERACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es