Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos estará nos Xogos Paralímpicos de París

19 DE JULIO DE 2024

O corredor coruñés da clase C4 disputará a persecución individual en pista e a contra o reloxo e a proba en liña en estrada

Damian-Ramos-estara-nos-Xogos-Paralimpicos-de-Paris-

Trátase dun fito para o ciclismo galego. Doce anos despois a nosa comunidade volverá contar cun corredor nos Xogos Paralímpicos. En Londres 2012 foi José Enrique Porto Lareo e en París 2024 será Damián Ramos. O Comité Paralímpico Español fixo oficial a lista de 150 deportistas que competirán na capital francesa do 28 de agosto ao 8 de setembro e entre os sete paraciclistas elixidos pola Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) está o coruñés do Lasal Cocinas-Craega. 

Aos seus 38 anos Damián Ramos debutará nuns Xogos Paralímpicos e disputará tres probas da clase C4 de bicicleta adaptada. No velódromo, onde haberá actividade do 29 de agosto ao 1 de setembro, participará na persecución individual e sobre o asfalto, cunha programación que comeza o día 4 e remata o 7, representará ao combinado dirixido por Félix García Casas na contra o reloxo individual e na carreira en liña. O corredor herculino é o actual campión de Europa de fondo en estrada. 

Os outros seis convocados pola RFEC para París 2024 son Ricardo Ten (C1), Eduardo Santas (C3), Alfonso Cabello (C5), Pablo Jaramillo (C5), Sergio Garrote (H2) y Luis Miguel García-Marquina (H3).

Máis información

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es