30 DE JUNIO DE 2022
Foto: Luz Iglesias
Os Campionatos de España Escolares e o Campionato de España Júnior arrancaron este xoves na localidade vallisoletana de Zaratán e Galicia pisou o chanzo máis alto do caixón cunha das súas corredoras. A betanceira María Filgueiras conquistou a medalla de ouro na Contra o Reloxo Individual (CRI) cadete. Outros trece ciclistas competiron nesta xornada defendendo as cores da Selección de Breogán.
Filgueiras rubricou o seu éxito cun tempo de 16 minutos e 22 segundos nun percorrido de 9,8 quilómetros. A representante galega impúxose por 20" de diferenza respecto a Paula Ostiz (Navarra), gañadora esta campaña de todas as probas da Copa de España, e bateu por 59" á terceira clasificada Tania Silvente (Murcia). Sobre a mesma distancia, Alejandro Crende terminou décimo terceiro na proba cadete masculina.
Na xornada inaugural dos campionatos escolares tamén se disputaron as 'cronos' por equipos (CRE) cadetes. O cuarteto feminino galego -formado por Lara Fuentes, Xiana Camiña, Lucía Ballester e María Cabot- obtivo a sétima posición no circuíto de 9,8 km e o cuarteto masculino do combinado autonómico -Diego López, Iker Rodríguez, Iván Blanco e Brais Pena, ocupou a décimo segunda praza.
Juniors
Unha vez finalizadas as CRI e CRE cadetes inaugurouse o Campionato de España Júnior póndose en xogo dúas coroas estatais nun trazado de 22,9 km. A contra o reloxo individual feminina resolveuse con Carmen Mallo concluíndo co décimo terceiro mellor rexistro, mentres que Laura Mira asinou o vixésimo primeiro. En canto aos xuvenís masculinos, Sergio Calvo rematou décimo noveno e Ricardo Buba, trixésimo terceiro.
Tras a súa estrea, o campionato júnior non regresará a escena ata o domingo e o escolar continuará este venres coas probas de estrada en liña. Pola mañá será a quenda das categorías cadetes e pola tarde das infantís.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es