Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Selección de Galicia de Paraciclismo conquista catro ouros e dúas pratas no estatal de Viveiro

22 DE MAYO DE 2023

Mila López e Iván Montero revalidaron as súas coroas de contra o reloxo e de fondo. Damián Ramos quedou segundo en ambas probas

A-Seleccion-de-Galicia-de-Paraciclismo-conquista-catro-ouros-e-duas-pratas-no-estatal-de-Viveiro

Fotos: LP's Photography

Viveiro namorou como capital estatal do ciclismo adaptado. O Campionato de España Paralímpico de estrada ofreceu tres días inesquecibles na Mariña Lucense, con participantes de moito nivel, fermosas paisaxes, esixentes percorridos e éxitos da Selección de Galicia. O combinado autonómico conquistou catro medallas de ouro nas handbikes, por medio de Mila López e de Iván Montero, e dúas de prata con Damián Ramos na bicicleta adaptada.

O programa do evento organizado polo Club Ciclista Viveiro subiu o pano o pasado venres cunha carreira de exhibición e o sábado empezáronse a poñer títulos en xogo na xornada reservada ás probas de contra o reloxo individual. Nun percorrido de 5 quilómetros tan duro, con constantes costas e descenso, como fermoso, ao rodar os paraciclistas a carón da costa, Iván Montero revalidou a súa coroa en MH5. O handbiker de Arteixo deu tres voltas ao circuíto en 36 minutos e 51 segundos. Pola súa banda, Mila López emulou en WH4 ao seu compañeiro de selección e de equipo no Neuroimpulse Galicia. A baionesa superou con claridade e cun tempo de 38’23” á madrileña María Matilla logo de completar dúas veces o trazado vivariense (Entrenamientociclismo.com).

A condición de campión CRI tamén a defendía Damián Ramos en MC5, pero o coruñés non puido mantela. O murciano José Diego Jara (Razza Cycling) bateu por 21” o ‘crono’ de 35:46 que estableceu o integrante do combinado dirixido por Jacobo Ucha. Outro corredor da Región de Murcia, Juan Antonio Sánchez (Hovalis), ocupou a terceira praza do podio tras rematar a 1’ do galego. Nesta mesma clase da bicicleta adaptada, Severino Mata (Selección de Galicia) obtivo a sétima praza e Javier Abalde (Neuroimpulse-Galicia), a décima.

A contra o reloxo contou con máis galegos entre os dez primeiros das súas categorías. Alberto Abalde (Neuroimpulse-Galicia) ocupou a novena posición en MC2 e José Luis Rodríguez (Millabikes-A Golpe de Pedal), a cuarta en Xordos.

Carreiras de fondo

Ao día seguinte, o domingo, a capital da Mariña Occidental despediu o seu Campionato de España cunha xornada épica nas carreiras de fondo. Choveu durante as probas das handbikes no circuíto de 21,2 km con saída e chegada na praia Area. As dúas voltas ao itinerario que transcorría por Viveiro e Xove finalizounas o arteixán Iván Montero mentres caía auga con intensidade e retendo o título acadado no 2022 en Valencia. Circulando ao redor da costa, neste caso afrontando unha volta ao percorrido, tamén repetiu ‘dobrete’ Mila Alonso. A corredora de Baiona volveu dominar con autoridade por diante de María Matilla.

Das dezaoito clases que se disputaron, dúas delas resolvéronse ao esprint na recta de meta. Nun deses desenlaces Damián Ramos non puido con José Diego Jara no man a man que se anotou o murciano despois de tres xiros ao trazado polas estradas da Mariña. Este segundo posto é o mesmo resultado que o paraciclista do Lasal Cocinas-Louriña conseguiu o ano pasado na proba de fondo do Campionato de España. En canto ao outro representante da Selección de Breogán na categoría MC5, Severino Mata concluíu quinto, a algo máis de 2’ do vasco Ander Albizu (Tolosa), terceiro clasificado. Tamén mellorou a súa posición da véspera Javier Abalde, oitavo nesta ocasión.

Ao balance da actuación galega na clausura do Campionato hai que engadir a novena praza de Alberto Abalde en MC2 e a décimo segunda de Javier Prada (Inclusivo Enki) en MH3. 

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

A Selección de Galicia de Paraciclismo conquista catro ouros e dúas pratas no estatal de Viveiro
A Selección de Galicia de Paraciclismo conquista catro ouros e dúas pratas no estatal de Viveiro
A Selección de Galicia de Paraciclismo conquista catro ouros e dúas pratas no estatal de Viveiro
A Selección de Galicia de Paraciclismo conquista catro ouros e dúas pratas no estatal de Viveiro
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es