04 DE JUNIO DE 2024
A primeira competición da temporada para a Selección de Galicia de Descenso saldouse cun podio, interesantes resultados e moita aprendizaxe. O combinado autonómico dirixido por Eva Castro e o seu axudante Luis Manovel participou con sete riders durante a fin de semana na cuarta e penúltima xornada da Copa de España, que tivo lugar na Estación de Esquí de La Pinilla. Ao podio do circuíto segoviano subiu Hugo Rosendo, terceiro nos juniors.
A expedición da Federación Ciclismo Galego (FCG) inspeccionou o venres a pé a baixada que a última fin de semana de xullo acollerá o Campionato de España desta especialidade. A primeira toma de contacto sobre a bicicleta co trazado de 1,4 quilómetros, e de máis de 250 metros negativos, chegou o sábado, na véspera da xornada de competición. Durante a quenda clasificatoria o júnior Gael Ferro ía marcando bos parciais ata que sufriu unha caída na que se fracturou a clavícula. Dende a FCG desexámoslle unha pronta e boa recuperacón. Moito ánimo!
O mellor tempo scratch da Selección de Breogán na manga final correspondeu ao sub-23 Xoel Pereira. O seu rexistro de 2'19"74 outorgoulle a décimo novena posición absoluta e a décimo terceira na categoría raíña. A menos dun segundo do piloto do Bici Verde rematou Hugo Rosendo, que cunha marca de 2'20"53 conseguiu a terceira posición entre os juniors.
"O circuíto era completamente novo para min e o sábado non me sentín cómodo porque a baixada era bastante diferente ás que me tiña atopado esta temporada nas carreiras", sinala o corredor do Cerdedo-Cotobade, que foi a máis durante a fin de semana: "O domingo tiven bastante ritmo nas dúas mangas, recuperando as sensacións dos meses anteriores a miña caída do ano pasado en Panticosa. Estou súper contento". Rosendo quedou a 6" do segundo clasificado xuvenil, o aragonés Nacho Ballester (Loose Riders), e a 11" do gañador, o madrileño Ignacio García (Mondraker). Javier Casanova, o outro júnior da Selección de Galicia, acadou a décimo sexta praza.
No resto da actuación do equipo autonómico, o sub-23 André Martínez concluíu 33º e nos cadetes Mario Barreiro logrou o décimo segundo posto na mesma táboa que Xabi Rial ocupou a décimo oitava posición. "Estivo bastante ben en xeral malia que tivemos varias caídas e, sobre todo, a de Gael, bastante fea", valora a seleccionadora Eva Castro.
A maiores do combinado da FCG, o elite Sergio Peleteiro (Moto Bike) terminou décimo sexto; a júnior Alexia Santervas (A Forna), quinta; e nos masters dous galegos pisaron o caixón: Marcos Balbuena (Bici O Con) venceu nos máster-50, con Jose Ernesto Camesella (Monteboi) meténdose sexto, e nos máster-30 Carlos Díaz (CiclosQuintena) obtivo o terceiro posto, sendo sexto Manuel Pellón (BDM). Tamén houbo un top-10 da nosa comuninade nos máster-40 protagonizado por Manuel Baños (Bicicletas Chinquena), quinto.
A Copa de España de Descenso celebrara a súa anterior cita puntuable en Verín e regresará a Galicia o 18 de agosto para pechar o seu calendario no VI Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es