Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Unha vitoria, un terceiro posto e un bo ensaio para a Selección de Galicia XCO en Estella-Lizarra

26 DE JUNIO DE 2024

A júnior Lorena Patiño venceu no último evento do Superprestigio MTB e a cadete Iris Santana meteuse no podio

Unha-vitoria-un-terceiro-posto-e-un-bo-ensaio-para-a-Seleccion-de-Galicia-XCO-en-Estella-Lizarra

Oito cadetes e sete juniors defenderon o pasado domingo as cores da Selección de Galicia de Cross Country Olímpico no peche do certame Superprestigio MTB en Estella-Lizarra. O evento da clase UCI C2 celebrado en terras navarras serviu ao combinado dirixido por Alberto del Río para preparar os Campionatos de España do vindeiro mes de xullo. Un ensaio satisfactorio e que se saldou con dous podios da Selección de Breogán. 

A actuación galega liderouna Lorena Patiño. A corredora marinense impúxose na carreira júnior. Fíxoo con solvencia, despois de descolgar na segunda das tres voltas á mexicana Cynthia Guadalupe Martín. A ciclista do XSM ergueu os brazos na liña de meta con 1 minuto e 19 segundos respecto á azteca do Gobik Factory Team. A terceira praza, a 4'43" da representante da Selección de Galicia, obtívoa Ana López (Huesca La Magia).

imagen

A outra carreira feminina con presenza do combinado autonómico tamén contou cunha galega entre as tres primeiras. A viguesa Iris Santana completou a primeira volta na terceira posición e conservou ese posto no segundo xiro ao circuíto. A biker do Coruxo finalizou a só 8" da segunda clasificada, Lucía Sánchez-Montáñez, e con 10" de marxe sobre Laia Lera (Occidente), que ocupou a cuarta praza. A vitoria, con máis de 2' de vantaxe, correspondeu a Carolina Casares. Todas as corredoras do equipo da Federación Ciclismo Galego terminaron no top-15: Lara Pita fixo sexta; Xiana Coira, novena; Xiana Seijo, undécima; e Elba Hermida, décimo cuarta. 

imagen

O mellor resultado masculino da Selección en Estella-Lizarra asinouno o cadete carballiñés Marcos Rodríguez, cuarto a 21" da terceira praza. Nesa mesma carreira Lois Gómez concluíu undécimo e Arón Gómez, décimo noveno. En canto aos juniors, Adrián Caamaño logrou a sexta posición comandando o bo papel dos galegos: Martín Díaz, noveno; Antonio Casal, undécimo; Xoel Cidrás, duodécimo; e Nicolás Fernández, décimo terceiro. Pola súa banda, Mauro Vega viuse obrigado a abandonar. 

As vindeiras citas da Selección de Galicia de Cross Country xa serán do 4 ao 6 de xullo o Campionato de España Escolar en Avilés (Asturias) e na semana seguinte o Campionato de España de XCO-XCE-XCR en El Almendro (Huelva)

Clasificacións 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Unha vitoria, un terceiro posto e un bo ensaio para a Selección de Galicia XCO en Estella-Lizarra
Unha vitoria, un terceiro posto e un bo ensaio para a Selección de Galicia XCO en Estella-Lizarra
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es