Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alejandra Neira proclámase campioa de España cadete de CRI

04 DE JULIO DE 2024

A corredora santiaguesa abriu a conta de medallas da Selección de Galicia en Avilés

Alejandra-Neira-proclamase-campioa-de-Espana-cadete-de-CRI

Fotos: RFEC

Os Campionatos de España Escolares e Juniors 2024 que se celebran dende este xoves e ata o vindeiro domingo na localidade asturiana de Avilés comezaron cun extraordinario resultado para a Selección de Galicia. A cadete Alejandra Neira fíxose, grazas a unha portentosa actuación, co título estatal de contra o reloxo individual (CRI). A corredora santiaguesa venceu con case 40 segundos de marxe nun percorrido de 11,5 quilómetros.  

Subcampioa cadete o ano pasado nesta especialidade e actual líder da Copa de España Féminas Cofidis, a ciclista do Cambre voou defendendo as cores da Selección de Breogán. Na liña de meta detivo o cronómetro en 18 minutos exactos logo de rodar a unha velocidade media de 38,3 km/h. O triunfo de Alejandra Neira resultou incontestable, obtendo unha diferenza de 38” respecto á segunda clasificada Lidia Castro (Castilla y León) e de 47” sobre Ane Zubeldia (Euskadi), que se colgou a medalla de bronce. Irene Signo, a outra representante de Galicia na proba  individual cadete feminina, tamén asinou un gran papel e finalizou sexta, a 1’07” da súa compañeira de selección.

imagen

O top-10 tampouco se lle escapou a Anxo Delgado na ‘crono’ masculina da mesma categoría. Acadou a oitava posición, quedando a 20” do podio, e o décimo cuarto posto correspondeu a Lucas Blanco. No que respecta ás contra o reloxo por equipos (CRE) cadetes, o combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG) concluíu undécimo na competición feminina -cun terceto formado por Ivet Ivanova, Inés Santalla e Xiana Mardaraz- e duodécimo na táboa masculina -con Rodrigo García, Nicolás Puga e Xian Rodríguez-.

Despois dos cadetes, entraron en escena os juniors. O mellor representante de Galicia no trazado de 19,5 quilómetros foi Lois de Jesús, na décimo novena posición. Tomás Pombo, 23º clasificado, e Diego López, 25º, pecharon a actuación do conxunto autonómico no primeiro día de competición en Avilés.

imagen

A Selección de Breogán presenta neste dobre evento unha expedición récord na súa historia, composta por 45 ciclistas. Durante este venres, segundo día dos Campionatos de España Escolares, disputaranse as probas en liña cadete, que competirán pola mañá, e infantil, cuxas carreiras están programadas para a tarde.

Ás mozas cadete agárdalles un percorrido moi crebado de 51,7 km pola contorna de Avilés; mentres que os mozos completarán por esta mesma zona 60 km, tamén atestados de pequenas cotas que depararán unha proba nerviosa e emocionante. En canto á outra categoría, as rapazas infantís completarán un trazado de 13,3 km e os homes, pola súa banda, afrontarán 19,6 km para dilucidar o nome do novo campión estatal. O percorrido de ambas probas estruturarase tamén en torno á canle de Pedro Menéndez e o porto de Avilés.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Alejandra Neira proclámase campioa de España cadete de CRI
Alejandra Neira proclámase campioa de España cadete de CRI
Alejandra Neira proclámase campioa de España cadete de CRI
Alejandra Neira proclámase campioa de España cadete de CRI
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es