09 DE SEPTIEMBRE DE 2024
A gañadora cadete neste 2024 dos Campionatos de España, tanto en liña como de contra o reloxo, e da Copa de España redondeou a súa temporada perfecta na Gipuzkoako Itzulia. Liderando á Selección de Galicia, a santiaguesa Alejandra Neira asinou un pleno na proba guipuscoana que concluíu este domingo ao conquistar os tres triunfos parciais e as clasificacións da Xeral, da Montaña e da Regularidade. Un xeito inmellorable de despedir o seu paso pola categoría.
O combinado autonómico participou nesta cita pertencente ao calendario estatal co obxectivo de seguir formando ás promesas do pelotón feminino galego, en especial a aquelas que van dar o salto a júnior. Ademais de seis ciclistas cadetes, o seleccionador Jacobo Ucha tamén convocou á xuvenil Xiana Camiña para que fixera de guía en cuestións tácticas de carreira como a colocación dado que na Guipozkoako Itzulia as corredoras cadetes comparten a estrada coas júnior e as elite e sub-23.
A apertura do venres consistiu nun prólogo de 1,8 quilómetros en Urnieta, onde Alejandra Neira dominou na súa categoría por 8 segundos de vantaxe respecto a Ane Zubeldia (JRG Norclamp). A galega Irene Signo, defendendo as cores do Tenerife BikePoint, marcou o quinto mellor tempo e por parte da Selección de Breogán clasificouse Elba Hermida oitava, Inés Santalla novena, Tania Rodríguez décimo terceira, Alba Gregores décimo novena e Xiana Mardaraz fixo 26ª. Galicia acadou o segundo posto por equipos e entre as júnior Xiana Camiña obtivo a sexta posición.
A primeira xornada en liña, a do sábado, ofreceu para as cadetes un percorrido de 34,1 km nos que a líder exhibiuse. Alejandra Neira, ciclista do Cambre, venceu en solitario en Ordizia con 1 minuto e 10 segundos de diferenza sobre Clara de la Roca (Tenerife BikePoint). A santiaguesa engadiu a súa conta de éxitos as camisolas da Montaña e da Regularidade. Irene Signo, décima, e Inés Santalla, décimo sexta, finalizaron no mesmo grupo. A Selección de Galicia ocupou a terceira praza por equipos. En canto á proba júnior, de 85,6 km, Xiana Camiña situouse colíder das Metas Volantes.
Para despedir a Gipuzkoako Itzulia, a campioa de España cadete selou a súa tripla o domingo en Elgoibar. No desenlace do trazado de 34 km, Alejandra superou na liña de meta por 5" a Maixa Odriozola (ZU-K). Entre as quince primeiras repetiu Inés Santalla, duodécima, e o combinado da Federación Ciclismo Galego logrou de novo a terceira posición por equipos, mesmo resultado que na xeral final. Durante o percorrido júnior, de 57 km, Xiana Camiña non puido manter a camisola das Metas Volantes que luciu.
Vencedora das tres xornadas, da Montaña e da Regularidade, Alejandra Neira estivo escoltada no podio da Xeral por Clara de la Roca, a quen avantaxou en 1.33 min, e Naxara Odriozola (ZU-K). Inés Santalla quedou ás portas do top-10, undécima, Irene Signo rematou décimo quinta, Elba Hermida décimo novena, Alba Gregores no 22º posto, Tania Rodríguez no 24º e Xiana Mardaraz no 30º. A júnior Xiana Camiña concluíu décimo oitava.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es