30 DE AGOSTO DE 2021
A Lalín Bike Race fixo realidade o seu soño de ser Campionato de España de Cross Country Maratón e o XCM galego aproveitou a oportunidade de correr na casa para demostrar o seu poderío. As bikers e os bikers da nosa comunidade conquistaron catro títulos e colgáronse outras cinco medallas. Un total de nove podios nunha actuación que rozou o dez.
Engadindo o Xacobeo 2021 ao seu nome, o evento organizado polo Extol MTB Team e o Club Montes do Deza congregou a máis de 500 participantes que peregrinaron polo interior da provincia de Pontevedra. A distancia a completar era de 90 quilómetros con máis de 2.800 metros de desnivel acumulado para os homes, mentres que as mulleres afrontaron un trazado algo máis curto, de 80 km, pero tamén con bastante desnivel, en concreto máis de 2.400 metros. Un percorrido con saída e chegada en Lalín definido como “duro, con sendeiros técnicos e terreo do que se pega” por Susana Alonso, unha das nove medallistas galegas.
A corredora de Mos, terceira tanto na clasificación elite como na scratch, e a grovense Lara Lois, segunda, sumaron dous metais para a Selección de Galicia na categoría raíña feminina. Compañeiras de equipo no Extol, as dúas pontevedresas escoltaron no podio elite á andaluza Natalia Fischer (Fischer Scott). A favorita entre as mulleres cumpriu cos prognósticos e impúxose cun tempo de 4:06:28.
A 11:55 da gañadora cruzou a liña de meta Lois, mentres que Alonso fíxoo a 16:11. “De saír coa incerteza por como podería atoparme, a levarme o subcampionato de España. Non o esperaba!”, sinalou a do Grove. Entre as dez primeiras, oitava elite e novena scratch, tamén se meteu a pontenovesa Teresa Barreira (Selección de Galicia).
As mulleres aportaron outras dúas medallas ao XCM da autonomía anfitrioa, ambas de ouro. Eva Ortega (Selección de Galicia) conquistou a coroa Máster-30B cun rexistro de 4:45:17 e Ana María González (Mitto X-Sauce) vestiuse coa camisola de campioa de España no grupo de idade Máster-40B ao alcanzar a meta tras case 5 horas (4:57:08) dándolle aos pedais.
Busto, sétimo
A Javier Busto, ademais de exercer de presidente dun dos clubs organizadores, tamén lle tocou pelexar polos primeiros postos. Esa dobre responsabilidade non lle pesou ao lalinense, que cumpridas as dúas primeiras horas de carreira formaba parte dun grupo que marchaba a algo máis dun minuto do cuarteto de cabeza. A pugna pola vitoria quedaría posteriormente reducida a tres bikers, con Marcos García (Kinan) facéndose co título cunha marca de 4:02:51, avantaxando en 1:40 a Francesc Guerra (Fornells de la Selva) e superando en 3:43 a Francisco Mancebo.
A pouco máis de 3 minutos do terceiro clasificado chegou Busto. Defendendo o maillot da Selección de Galicia xogouse ao esprint a quinta praza e terminou sétimo élite e scratch. O Top-10 absoluto acariciouno Saúl López (Academia Postal-Abanca), duodécimo e undécimo nos elites.
O terceiro galego que finalizou os 90 km de percorrido abriu a conta de podios masculinos para a representación autonómica. Alejandro Trasbach (Selección de Galicia) colgouse o ouro Máster-40A dominando o seu grupo de idade cun tempo de 4:20:29. Na outra táboa Máster-40, na B, pisou o caixón Miguel Ángel Arias (Selección de Galicia). O seu rexistro de 4:25:58 concedeulle o segundo chanzo do podio.
A categoría Máster-30 foi a que máis metais proporcionou á conta galega. As tres posición de podio conseguíronas bikers do Club de Montaña Xesteiras. Na táboa A, Manuel Ángel Parada (4:25:19) adxudicouse o bronce, mentres que na B venceu Manuel Casuso (4:28:03) e compartiu podio co seu compañeiro de equipo Gonzalo Vidal (4:33:08), terceiro.
Outros resultados sobranceiros dos galegos por categorías:
Elite masculina: 30º Alberto Alanís (Selección), 43º Estefan González (Selección)
Elite feminina: 14ª Mar Delgado (Selección)
Sub23 masculino: 5º Abel Franco (Selección), 8º Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas)
Máster-30A masculina: 6º Daniel García (Muros), 11º Sergio Mariño (Sanomedio), 12º Rubén Deaño (Selección), 13º Esteban Sánchez (Selección),
Máster-30B masculina: 6º Fernando Guerra (Selección), 7º Fernando Díaz (Eskornabois), 10º Federico Lamas (Selección), 11º Pablo Iglesias (Ponteareas), 13º Gustavo Pérez (Aragonta), 14º Jorge Lorenzo (Tres Lunas).
Máster-30B feminina: 6ª Cristina Rodríguez (Bicicletas Chinquena)
Máster-40A masculina: 5º Abel Rollano (Vagalume), 6º Delmiro Acevedo (Burgas Bike), 8º Iván Pereira (Xesteiras)
Máster-40A feminina: 5ª Rebeca Muñoz (Ribadumia), 6ª Silvia García (Bici Verde)
Máster-40B masculina: 5º José Manuel Gómez (Xesteiras), 7º José Antonio Alonso (Tres Lunas), 8º Yago Fernández (Bici Verde)
Máster-50A masculina: 8º José Ramón Castelo (Barbanzabike), 9º José Ramón Villanueva (Armenteira e Punto)
Máster-50B masculina: 5º José Ramón López (Cambre), 6º Gonzalo Sestelo (A Lamprea), 7º Álvaro López (Correcamiños), 8º Gil Iglesias (Bike ou Non Vai), 9º José Carlos Picallo (Barbanzabike).
Máster-60A masculina: 4º Constantino Arias (Tres Lunas), 6º Carlos Gómez (Ourense Termal), 7º Joaquín González (Miñor Bike).
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es