13 DE MARZO DE 2023
O ciclocrós galego suma un novo gran evento na súa axenda. A Comisión Delegada da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) aprobou na súa última xuntanza a data e a sede do Campionato de España de Ciclocrós 2025 e a proposta elixida foi a de As Pontes. A localidade coruñesa repartirá do 10 ao 12 de xaneiro as coroas estatais da modalidade invernal do ciclismo.
Esta elección confirma a As Pontes de García Rodríguez como un escenario emerxente no calendario de CX. Despois da súa espectacular estrea o pasado mes de outubro como evento C2 da Unión Ciclista Internacional (UCI), o Ciclocrós Internacional Lago das Pontes gozará da condición de proba de clase C1. Unha ambiciosa aposta que se manterá no 2025 por parte do Club Ciclista Vilalba-As Pontes como organizador do Campionato de España.
Deste xeito, a temporada 2024-2025 resultará histórica para o ciclocrós galego. Semanas antes, no outono do 2024, Pontevedra acollerá o Campionato de Europa na Illa das Esculturas, o circuíto onde no 2019 e no 2020 se celebrou o Campionato de España. Galicia, que a pasada campaña celebrou dezanove eventos desta modalidade, leva anos desfrutando no barro... e máis que o vai facer nas vindeiras campañas.
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es