17 DE JUNIO DE 2024
O Pirineo aragonés serviu de escenario este domingo para o Campionato de España de Enduro 2024 e no percorrido polo val de Benasque os especialistas da nosa comunidade conseguiron media ducia de metais. Dous deses podios rubricounos a Selección de Galicia por medio de David Fernández, segundo clasificado nos sub-23, e de Alba Arias, terceira nas elites. Representando aos seus equipos, o elite Marco Veiga (CiclosQuintena) colgouse a medalla de prata e dous masters pisaron o caixón nos grupos de idade: Pedro Dapena (CicloQuintena) proclamouse campión nos 40A, Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko) ocupou o segundo chanzo nos 30B e Francisco Javier Acevedo (Bici Verde), o terceiro nos 60A.
O combinado da Federación Ciclismo Galego (FCG), dirixido pola seleccionadora Eva Castro, presentouse na localidade oscense de Castejón de Sos con once riders. O equipo autonómico apostou unha vez máis pola xuventude para afrontar un desafío de 43 quilómetros e 1.600 metros de desnivel acumulado que incluía catro treitos cronometrados.
“Puido caer algunha medalla máis, pero en xeral todos estiveron moi ben nun enduro moi esixente. Os tramos eran largos e duros, típicos dos Pirineos, e fixo bastante calor. Só a primeira subida xa era de 11 km e no terceiro tramo tamén había unha ascensión bastante besta. Aí os riders fatigábanse moito e o terreo era bastante seco e escarpado”, sinala a máxima responsable técnica da expedición da Selección de Breogán.
O sub-23 David Fernández situouse segundo na súa categoría dende o primeiro parcial e a súa actuación viuse condicionada polo acontecido no segundo treito: “Na última parte, cando estaba apertando, na zona de pedras saltoume unha e rompeume unha roldana do cambio. Tiven que ir andando ata a asistencia para que me puideran arranxar a bicicleta”. Unha vez que o corredor de Tui se despediu das súas opcións de vitoria, adoptou unha actitude máis conservadora ata alcanzar a liña de meta, mantendo o segundo posto e facendo oitavo na táboa absoluta do campionato.
Adrián Cuéllar (Catalunya) venceu nos sub-23 con 46 segundos de marxe respecto a David Fernández, que admite que o primeiro clasificado estaba nesta proba “un punto por riba”, e o podio completouno Aleix Arrufat (Sierras Matarraña), terceiro a 1’03” do gañador. As cores da Selección de Galicia nesta categoría tamén as defenderon André Martínez -décimo- e Marcos Estévez -décimo terceiro-.
O outro metal do combinado autonómico conquistouno Alba Arias. A elite de Arteixo finalizou terceira logo de ser a máis rápida nos dous últimos parciais: “Foi bastante duro e técnico. Os dous primeiros treitos eran de moitísimo pedaleo, que non é o meu forte, e os dous últimos, máis técnicos, déronseme mellor”. Sara Yusto (Láctas Cobreros) levouse o ouro con 16” de marxe sobre Marta Jordán e avantaxando en 46” á coruñesa, cuarta na táboa scratch.
As caídas impediron que a Selección de Galicia sumara dous podios máis, un nos juniors e outro nos cadetes. Hugo Rosendo concluíu quinto nos xuvenís malia un accidentado primeiro tramo. Raúl Romero e Xurxo Campos, oitavo e décimo respectivamente, tamén se meteron no top-10 júnior mentres Jorge Pérez non completou o percorrido despois de terminar cuarto o primeiro parcial e sufrir un duro golpe na cadeira no segundo.
De dar cos seus osos no chan tampouco se librou Leo Álvarez, quinto nos cadetes a 14” do bronce grazas a un sensacional segundo parcial no que só o superou o gañador. Nesta categoría disputada a dous tramos, Mario Barreiro logrou a décima posición e Álvaro García, a décimo oitava.
Á marxe da Seleccion de Galicia, o naronés Marco Veiga repetiu como subcampión elite. O rider do CiclosQuintena mantivo un emocionante enfrontamento pola vitoria absoluta co tamén elite Edgar Carballo (Canarias) e co sub-23 Adrián Cuéllar. Por menos de 4” de diferenza, o canario bateu ao galego e a terceira praza correspondeu ao catalán, a 5,5” do vencedor. Mauro González (Salvaterra) acabou sexto nos elites e décimo scratch.
A colleita de seis medallas galegas, unha máis que o ano pasado, inclúe o ouro de Pedro Dapena, primeiro con autoridade nos máster-40A; a prata de Santos Lemos, segundo nos máster-30B a 7,5" do gañador; e o bronce de Francisco Javier Acevedo nos máster-60A.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es