Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos cómpre o seu soño nos Xogos Paralímpicos de París cunha medalla de bronce

04 DE SEPTIEMBRE DE 2024

O coruñés acadou a terceira posición na proba de contra o reloxo individual C4

Damian-Ramos-compre-o-seu-sono-nos-Xogos-Paralimpicos-de-Paris-cunha-medalla-de-bronce

Fotos: RFEC

Historia con maiúsculas do noso ciclismo. Doce anos despois, un corredor galego pisou o podio dos Xogos Paralímpicos. No 2012 fíxoo -e por partida dobre- José Enrique Porto Lareo en Londres e este mércores conseguiuno Damián Ramos en París. O coruñés colgouse a medalla de bronce na contra o reloxo individual da clase 4 de bicicleta adaptada. 

O ciclista do Lasal Cocinas - Craega debutou nuns Xogos Paralímpicos o pasado sábado asinando a oitava posición na persecución individual. Do velódromo pasou á estrada, a súa especialidade. A CRI na capital gala disputouse nun circuíto de 14,1 quilómetros ao que se daban dúas voltas. Ramos marcou o mellor tempo na primeira referenica e unicamente o superou o francés Kevin Le Cunff, por 6 segundos, no punto intermedio. 

imagen

O obxectivo do herculino complicouse na segunda parte da 'crono' C4. Chegou a estar fóra do podio e remontou. Cruzou a liña de meta cun rexistro de 38 minutos e 5 segundos que lle outorgou a terceira praza por 16" de vantaxe sobre o belga Louis Clincke e con 17" respecto ao británico Archie Atkinson. A marca de Ramos batérona dous paraciclistas do país anfitrión. Gatien Le Rousseau rebaixouna en 48" e Kevin Le Cunff en 1'19. 

"Para min é un soño cumprido", afirmou o coruñés, de 38 anos, logo de recoller o bronce. "Hoxe foi un dos días máis felices da miña vida. Tiven datas chave na miña vida: o día que nacín, por suposto; o día que tiven o accidente de nocello tan grave, que me tivo dous anos en cadeira de rodas; o día que viaxei a París, o 24 de agosto, cando xusto cumpríanse 10 anos do meu accidente, e hoxe”, comentou exhultante. "Grazas á miña capacidade de sufrimento puiden resarcirme e, finalmente, volver outra vez para ser o terceiro porque sabía que nos parciais ía primeiro, segundo, terceiro, cuarto e remontar outra vez ata o terceiro", explicou.

imagen

"Xa era un gran paso chegar ata aquí, pero non me conformaba con menos porque sei que o valía. Todos os rivais chegan a tope a un evento como os Xogos Paralímpicos, pero sabía que tiña posibilidades de sacar esta medalla", indicou Ramos, que quixo compartir o seu éxito: "Estou moi satisfeito e só se me ocorren palabras de agradecemento para a toda a xente que me ten apoiado, a miña familia, á Federación e ao Comité Paralímpico. Sen eles, este soño cumprido non se tería dado. Estou encantado da vida". O representante do paraciclismo galego en París despedirase o venres dos seus primeiros Xogos competindo na carreira de fondo. 

Clasificación 

GALERÍA DE FOTOS

Damián Ramos cómpre o seu soño nos Xogos Paralímpicos de París cunha medalla de bronce
Damián Ramos cómpre o seu soño nos Xogos Paralímpicos de París cunha medalla de bronce
Damián Ramos cómpre o seu soño nos Xogos Paralímpicos de París cunha medalla de bronce
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es